Este pasado 14 de maio tivo lugar en Compostela a I Gala do Libro Galego que xuntou, por vez primeira, esforzos da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e mais da Federación de Librarías de Galicia para outorgar diversos galardóns a iniciativas e libros que se consideraron do máis salientable entre os publicados o ano pasado. Celebro vivamente o acordo que posibilita ás tres institucións, tan vinculadas coa creación literaria e co libro galego, camiñar na mesma dirección.
- O 25 de xuño faráselle entrega á escritora Helena Villar Janeiro da “Letra E” tras a decisión adoptada pola asemblea de socias e socios da AELG. Constituirá esta a vixésimo segunda edición do galardón e desenvolverase en Rianxo, o territorio que a autora elixiu para vivir e que deste xeito vén honrando, desde hai anos, vivencial e literariamente como antes o fixeron Castelao, Dieste, Brea Segade e outras moitas voces. Para min supón unha alegría esta concesión pois, amais de terlle moita lei á autora, penso que con el se lle recoñece minimamente o valor de todo o traballo que desenvolveu e desenvolve a prol da nosa lingua e da nosa literatura. Os meus parabéns máis sinceros.
- A Asociación Galega de Editores, que acordou modificar o seu nome en Asociación Galegas de Editoras, renovou a súa xunta directiva, agora presidida por Xosé Ballesteros e que conta tamén co concurso de Henrique Alvarellos, Belén López, María Xesús González, Laura Rodríguez, Fran Alonso, Xulio Amigo e Tomás González. Moita sorte a este equipo diante dos importantes desafíos que se presentan nestes tempos: é evidente que na defensa e na promoción do libro galego xogámonos moito no futuro máis inmediato.
- Concedéronse xa os primeiros galardóns importantes da tempada como son os Xerais como felizmente ocorre todos os anos na illa de San Simón. Nesta ocasión recaeron nun autor novel como é Manuel Esteban, nunha autora que tamén dá os seus primeiros pasos como é Iria Misa e, ao tempo, supuxo o retorno, da man do Premio Merlín, de David Pérez Iglesias ao primeiro plano narrativo. Moitos parabéns ás persoas galardoadas e agardaremos ao outono para coñecer as súas propostas narrativas.
- Unha lembranza final para o editor, poeta, narrador, xornalista e memorialista que foi Sabino Torres: memoria limpa que foi da cidade de Pontevedra e que sempre transmitiu con xenerosidade, simpatía e agarimo. Lembrarémolo sempre.
Este texto publicouse na revista Biblos, nº 81.