“Os esteos da nazonalidade”, de Antón Villar Ponte

Nos cen anos desde a fundación das Irmandades da Fala os meus desexos dun feliz Día da Patria con este fragmento dun texto que publicou Antón Villar Ponte na revista Alborada (1922). Unha sorte de “Alba de Groria” xeográfico -do Libredón ao Medulio, do Cebreiro á Frouseira- e  simbólico. Para seguir reconstruíndo a nación.

 

¡Oh montanas da miña Terra verdecente e bretemosa que conecíchedes o segredo da Atlántida, e as fontes da saudade, e a voz de Breogán, e a verba acesa de Prisciliano, e a ispiración mística de Mosonzo, e a santidade de San Patrick, e as xúrdias fazañas de ferro, sangue e lume, dos irmandiños!… En vós nasceu e gracias a vós refolga e perdura ainda a i‑alma galega co’a que agora recostruimos a patria ceibe… Non déchedes sô o granito pr’âs nosas catedraes, castelos, mosteiros e amilladoiros, nin sô tampouco o estrondo das fervenzas escumantes onde chouta o xermolo do progreso, senon tamén o tesouro das cantígas, da fala e dos costumes axeitados a natureza. O Libredón, o Medulio, o Cebreiro e a Frouseira, donáronnos os catro rexos esteos da nacionalidade a quen hoxe a Torre de Hércules, cal un indice feito con pedra montañesa, sinálalle o Atlántico como “mare nostrum” e a fasquia da Illa dos Santos tal que o símbolo fraterno.

     No Libredón quixo ter cova o siñor Sant-Iago, pra que houbésemos un século XII d’ouro; no Medulio quixo probar a nosa raza, con xurdio pulo heróico, que ningún imperialismo alleo podería atrollare a nosa libertade; no Cebreiro, fixóuse pra sempre o noso idealismo europeio, e na Frouseira deprendeu a Dominadora, coma sô a traición o galego sucumbe…

      O Gurugú foi o finis Hispaniae. O cimiterio da asoballadora a imensa e soledosa terra cha parda. A alborada do trunfo, Rosalía: ¡O poeta, coma de cote! Toda a raza n’un poeta…

      E eu lembro estas verbas de d’Anunzio: “Un fondo amore ôs montes aniña no meu peito. Arelo recoñecer estes cumios dispidos e chamalos a berros pol‑os seus nomes. Cada luz, cada sombra, cada fendidura, cada aspreza, párceme o signo d’un deus, as pegadas d’un héroi, a fadiga d’un home, o esforzo d’un móstruo”.

Antón Villar Ponte (1922)