Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Libro de horas, de Miguel Anxo Murado

Miguel Anxo Murado

Libro de horas

Galaxia, Vigo, 2016, 188 páxinas, 16 €

 

 

O escritor e xornalista Miguel Anxo Murado publica unha nova compilación dos seus artigos, que viron a luz orixinalmente nas páxinas de La Voz de Galicia.

Como é coñecido, os «libros de horas» atesouraban textos para que a nobreza asumise elementos da vida monástica á súa: ladaíñas, salmos e outras propostas líanse á alba, á primeira hora da mañá, á tarde, contra o serán e á noite, ao longo dos diferentes días do ano, para testemuñar, á fin e ao cabo, o inexorable paso do tempo, talvez nun intento de apreixalo. Non esixe, abofé que non, este ritmo o presente Libro de horas, pois é difícil nel pautar a lectura duns artigos tan redondos e ben articulados que se len con avidez, fóra de actualizar e desacralizar, en tantas ocasións desde a ironía, aquela tradición para trasvasala á dimensión do articulismo e ofrecer, así, unha feliz antoloxía dos que publicou neste mesmo medio durante os dous últimos anos.

     Ao fío do seu Escrito en cafeterías, de semellante inspiración, este novo libro transita por unha panoplia de asuntos -por seguirmos con termos de arrecendo medievalístico- nos que as máis das veces unha noticia de actualidade, unha evocación, unha experiencia, unha viaxe, un fragmento dun texto literario ou outro motivo calquera dá inicio a un texto que mestura con habilidade vivencias de corte persoal para reflexionar, en tantas ocasións, sobre as estremas da propia condición humana. Con todo, e talvez aí repouse un dos atractivos deste libro, Murado constrúe pezas nas que paira unha indiscutible vontade literaria, coma se o articulismo de Murado abrazase as técnicas do relato curto cos fíos da memoria e da experiencia remexendo cun guizo os rescaldos do doloroso conflito palestino ou asumindo, por só citar dous exemplos, a relevancia da Xeoloxía como «maneira de relativar a experiencia humana e as súas incertezas». Recomendo estas viaxes pola memoria e polo noso tempo, escritas sabendo ben o que se fai.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 29 de xullo de 2016, baixo o título de “Viaxes pola memoria e pola actualidade”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: