Cámbiache o conto!, de Pinto & Chinto

Pinto & Chinto

Cámbiache o conto!

Xerais, Vigo, 2016, 112 páxinas, 15 €

 

Pinto & Chinto ofrecen, nun fértil diálogo entre palabra e ilustración, unha brillante e humorística relectura dos contos tradicionais de todos os tempos.

Moita tinta se verteu, desde hai tempo, para debater sobre o que verdadeiramente se transmite nos contos para a infancia que a tradición nos foi deixando, desde os irmáns Grimm a Hans Christian Andersen pasando por Perrault. Fóra deste asunto, o certo é que talvez a intención que repousa neste Cámbiache o conto! se inspira na dinámica de instalarse no coñecemento previo e xeneralizado destes relatos para chantar no medio deles un código novo onde se revela a forza que contén a ollada humorística e así, desde ela, se promova tanto o distanciamento preciso da fonte inicial como a intención de ofrecer unha nova visión ao seu sentido primario.

      Non é difícil sospeitar que este non foi un labor doado. Cómpre esculcar con xeito e saber atopar o oco preciso, por veces mesmo crealo, para que no frautista de Hammelin, na Carapuchiña Vermella, na Cincenta, no Rato Pérez, en Rapunzel ou na Branca das Neves advirtamos como os antagonistas destas historias xa non o son, como o heroe ou a heroína xa é outra cousa, como se subverten as conclusións tradicionais para ofrecer, agora, outra cousa.

     Non coñezo unha recreación anterior entre nós con esta fasquía tan particular, polo que cómpre agradecer o manexo e a habilidade do cicel fantástico con que Carlos López, Chinto, atopa o lugar exacto para reactualizar os devanditos textos clásicos. E non esquezo o espléndido traballo con que David Pintor, Pinto, interpreta todas e cada unha destas novas historias. Se ademais de divertir a intención do libro era a de xerar preguntas e, dalgún xeito, cuestionar as razóns pola que as cousas son como son promovendo a capacidade crítica das persoas, e facelo cun sorriso na boca, creo que este é un libro a ter moi en conta.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de agosto de 2016, baixo o título de “Cando as cousas, e os contos, non son o que parecen”.