Unha das derradeiras cartas de Alexandre Bóveda, oitenta anos despois do seu fusilamento e que dirixiu á súa esposa, Amalia Álvarez Gallego. Non por coñecida deixa de ser necesario lembrala, e máis nun día coma hoxe.
Transcrición:
Choliños, miña Peque, Vidiña:
Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.
Perdóame todo, que os peques me lembren sempre, que cumplan tódolos meus encargos.
Eu, almiña estarei sempre con vós como cho prometín.
Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquilo. Adeus vidiña.
Vive para os peques e os vellos; abrazáos, confórtaos. Se Ti, miña Pequeniña admirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos.
Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós.
Adeus, contigo, cos peques, cos vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, na máis fonda, na máis infinda das apertas, o voso
Xandre.
PS/ Recei contigo
Sobre esta, e outras cartas, fala Xosé Luís Bóveda no programa Ben falado!, dirixido por Xesús Ferro Ruibal para TVG.