Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A fuga a Exipto, de Bernardino Graña

Bernardino Graña

A fuga a Exipto

Galaxia, Vigo, 228 páxinas, 18 €

 

 

Bernardino Graña dá conta, na súa nova novela, do período en que Xesús Cristo, María e Xosé pasan en Exipto fuxindo da carraxe de Herodes.

 

Había moitos anos desde que Bernardino Graña non publicaba unha novela para adultos. De feito, o seu último título neste ámbito, o Protoevanxeo do neto de Herodes, viu a luz hai agora unha década ao ser galardoada co Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego-portuguesa.

    Xustamente é con esta novela devandita coa que a presente dialoga, ou se erixe como continuación, achegándose aos territorios e ao tempo do nacemento de Xesús Cristo cando este, levado da man dos seus pais, foxen a Exipto para salvar a vida, pois Herodes os persegue ao converter na ficción a Xesús fillo de Antípatro e, por tanto, neto do rei Herodes.

     Non hai aquí, tan só, unha visión de corte dogmático ou relixioso particular nesta novela, distante á que nos foi transmitida no textos bíblicos. Nela vai medrando e cobra forza unha visión «política» do asunto, sendo adoitas as referencias á situación social que pasa polos intentos dos «galileos» de independizárense ou os movementos dos pastores de Xudea a prol de restaurar a monarquía do rei David, con chiscadelas que apuntan ao conflito lingüístico do momento entre o arameo, a lingua do pobo, e o grego, a lingua imposta e privilexiada.

     Con todo, ao meu ver, o principal mérito da novela repousa tanto na forza explícita nalgunhas pasaxes como a descuberta do río Nilo -talvez unha das mellores do libro pola intensidade descritiva que a domina-, como na axilidade do autor na introdución de diferentes tramas e subtramas inspirándose no espléndido dominio da narrativa de corte oral, á que non é allea unha vizosidade lingüística que, sen dúbida, é e será sempre marca indeleble do autor.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 12 de agosto de 2016 baixo o título de “A vizosidade da narrativa oral”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: