rosa tántrica (edición ao coidado de H. Alvarellos e Olivia Rodríguez, con poemas de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer)
Alvarellos, Compostela, 114 páxinas, 12,50 €
Entendo como un acontecemento a publicación dun novo libro da nosa poeta máis decana. Neste caso Luz Pozo articula un feixe de voces entre as que está unha que fatiga “longas soidades” vagando polo ronsel do universo borgeano para abordar o concepto da eternidade. É o propio Borges, cun báculo na man, quen se manifesta desde o relato “La rosa de Paracelso” afirmando: “Non chores. Non. Non chores/a morte non existe…”. Un libro complexo, en parte labiríntico, resultado de dez anos de traballo e coa simboloxía budista, o tantra e interrogantes de pouso filosófico axexando en cada poema e retroalimentándoos. Sen dúbida, imprescindible.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 19 de agosto de 2016, baixo o título de “A Luz máis labiríntica e intensa”.