Todos os anos, indefectiblemente, vénme a memoria neste día preciso o pasamento de Celso Emilio Ferreiro, aló polo 1979, talvez porque pasados os anos puiden reconstruílo e, sobre todo, analizar as dimensións do que supuxo mercé a consulta duns coidados arquivos nos que Moraima recolleu todas as referencias que a súa morte suscitou nos medios de comunicación, material que hoxe está custodiado nos fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Estas consultas deron para un longo capítulo de certo valor sociolóxico e que, porén, pola súa voluminosidade quedou fóra da biografía que se publicou hai catro anos pero que non renuncio a dar a coñecer algún día.
Con todo, hoxe traio aquí a memoria de Celso Emilio Ferreiro a través da reprodución dunha entrevista, de circunstancias pero valiosa, publicada en Ciudad (nº 104, con data do 26 de xaneiro de 1948) que lle realizou a Sabino Torres, falecido hai poucas datas, e que se deu a coñecer naquela realidade xornalística pontevedresa na que os dous colaboraron man con man. Cúmprelle aquí o papel de entrevistador a Celso Emilio Ferreiro, incorporándose unha marabillosa caricatura de Portela, e sirva para honrar a memoria dos dous (premendo nas imaxes accédese a unha mellor calidade da reprodución fotográfica desta entrevista).