Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O espello do mundo, en Escudeiros

Realizou, hai unhas horas, Manuel Bragado unha crónica fantástica da presentación d´O espello do mundo que tivo lugar onte en Escudeiros e que moito lle agradezo. Alén de reiterar a miña gratitude, tanto ás persoas que acompañaron na mesa como a aquelas que quixeron estar naquel territorio cheo de tantos afectos, quero engadir aquí un par de fragmentos das palabras que alí pronunciei. Grazas por un moi feliz serán para min; grazas por facelo posible.

Dixen sempre que a novela naceu neste sitio, naceu deste sitio e é, en primeira instancia, para todas as persoas que viviron e viven neste espazo. Sen que se me dese a oportunidade de coñecelo, O espello do mundo probablemente non nacería ou sería moi distinto do que foi.

Resulta absurdo negar que polas súas páxinas circulan moi diversas intencións e, sen dúbida, suscita moi diversas lecturas, mais sempre quixen que Escudeiros estivese aquí: un territorio que, para min, é o meu Macondo particular e que comecei a descubrir grazas a moitas das persoas que hoxe estades aquí.

(…) No territorio de Wulan, na China, hai un enorme lago de sal que se chama Lago de Chaka. Son nove quilómetros de ancho por quince de longo e permítese que os visitantes camiñen por el ao estar cuberto por unha capa moi grosa de sal. Por veces, cando o ceo está claro ou estrelecido, a auga azul reflicte o ceo coma se fose un espello, e este fenómeno recibe o nome do “espello do ceo”. Eu nunca estiven alí mais gústame pensar que o lago que me permitiu ver desde aquí ese “espello do mundo” sodes todos vós, as persoas que vos precederon do tempo e as que estades aquí. Beizón por acompañarnos.

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 4 Setembro 2016 por en Crónica,Literatura galega,Presentación , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: