Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Lémbrome, de Xurxo Chapela

Xurxo Chapela

Lémbrome

Positivas, Compostela, 100 páxinas, 12 €

 

Cincocentos fragmentos narrativos reconstrúen unha identidade particular mais nalgunha medida colectiva e articulan unha orixinal entrega na que paira a vontade de retrato xeracional.

Lémbrome do loco Fenoy correndo a tirar un penalti, lémbrome dos Koyacs e dos pita-gol, lémbrome de Mostovoi e de corear “Gudelj Gudelj”, lémbrome de Mazinger Z, lémbrome do “Hotel California” dos Eagles, lémbrome dunha praia en Coruxo, lémbrome de Txetxu Rojo tapando a cara coas mans, lémbrome apalpar o medo na casa no ano 1972 e do sabor dos manises e as Mirindas, lémbrome da familia Beleira e do viño de Barrantes. Desculparán este comezo un tanto estraño e inusual para unha recensión pero Xurxo Chapela (Carballo, 1968) convida en Lémbrome a que anotemos nas páxinas finais do seu libro algunhas das evocacións que a súa lectura suscita. Eu permítome facelo aquí para saudar un libro fresco, suxestivo e de inevitable saibo memoralístico.

         Lémbrome abéirase á narrativa fragmentaria, regularmente estilizada e rotunda, salferindo en moitas ocasións sentenzas que supoñen unha descarga eléctrica na memoria. A formulación salmódica é coñecida, abofé, mais quen dubida que compartir evocacións rabuñando na memoria sempre resulta un exercicio saudable que, malia a inevitable melancolía que aquí se tece con certo pouso irónico e con relampos líricos, nunca lle dá as costas tampouco aos ángulos máis escuros da vida. Todo por xunto é preciso, de cando en vez, para coñecernos “proustianamente” e este  navegar arreo entre as particulares experiencias persoais que se relatan xunto con moita da música que escoitamos, con moitos dos libros que lemos, como moitas das películas e series televisivas que vimos retratan un tempo que dun ou doutro xeito xa se viviu. Este libro convida a “lembrar” todo isto e a min gustoume a experiencia.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de setembro de 2016.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 9 Setembro 2016 por en Crítica literaria,Literatura galega,Narrativa , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: