Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A dúbida, de María Reimóndez

María Reimóndez

A dúbida

Xerais, Vigo, 136 páxinas, 16,65 €

 

A dúbida foi galardoada na décimo cuarta edición do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia no ano 2015 e hai xa uns meses que circula, en forma de libro e, ao que sei, con certo éxito de público. Alégrome que así sexa pois é este un libro que, alén de encaixar á perfección coas esixencias técnicas dun xénero polas que pode semellar doado transitar mais que non o é, resulta meritorio porque renova os contidos dun formato no que é inusual atoparse un texto destas características, sobre todo no que atinxe á apertura dunha temática que é abordada raramente na nosa literatura -véxase O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas ou a novela máis recente de Inma López Silva– como é o abuso sexual, e mais concretamente aquel cometido a menores, temática que lamentablemente está presente con recorrencia nos medios de comunicación e que se trata aquí con contención mais, ao tempo, cunha inequívoca vontade tanto de xerar reflexión e concienciación como de focalizar a atención cara a un asunto atroz diante do que é imposible manterse alleos e distantes.

     Alén diso, a novela, que avanza cun ritmo moi medido e áxil, non oculta otras cuestións de actualidade como poden ser a corrupción política ou os mecanismos mediante os cales se aplica a xustiza. Teño para min, con todo, que onde a novela gaña enteiros é no proceso de desvelamento desas claves do conflito psicolóxico ao que se ve sometida unha personaxe que simboliza, propiamente, a “dúbida”, abocada sempre a camiñar por ese gume, en tantas ocasións angustioso e que semella eterno, construído co aceiro da incerteza, o engano e o inexplicable, sufrindo ademais -directa e colateralmente- as consecuencias do abuso. Un abuso que xa non pode esquecer unha vítima que estará para sempre estigmatizada; un abuso que, recreado literariamente con acerto en todas as súas dimensións, non resultará doado esquecer a quen se achegue ás súas páxinas.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: