Do gris ao violeta
Concello de Pontevedra, 2015, Pontevedra, 170 páxinas.
Unha publicación colectiva dá conta da historia das mulleres que poboan a memoria da Boa Vila, outorgándolle un necesario protagonismo que recoñece as súas traxectorias silenciadas.
Non se pode facer outra cousa, a meu entender, que aplaudir unha iniciativa como a que simboliza Do gris ao violeta, subtitulado “Achegas á historia das mulleres de Pontevedra”. Diráseme, se cadra, que repousa nel unha orientación de carácter local e, en efecto, así é, mais talvez sexa ese un dos seus méritos pois cómpre ir desempoando aspectos do pasado máis inmediato e escurecido, desde diferentes perspectivas, e facelo xustamente con esa dinámica que camiñe do local ao universal.
Paira nestas páxinas, inequivocamente, unha intención reivindicativa se por isto se entende reclamar algo ao que se ten dereito: ese dereito tantas veces conculcado que agroma na necesidade de saber e coñecer, de informarnos nesta ocasión sobre aquelas mulleres que, as máis das veces, desde a atalaia da insubmisión, a heterodoxia e a rebeldía formaron parte dun pasado invisibilizado e tantas veces sometido á incomprensión e á persecución.
Esta perspectiva, así pois, converte esta valiosa achega nun percorrido que recala en mulleres que rescatan o seu nome e a súa presenza, integradas en colectivos femininos, sindicadas ou agrupadas, traballadoras sempre “termando da terra, do ceo e do mar” como apunta a ensaísta María Abilleira mais tamén palilleiras, empregadas, ensinantes, artistas, actrices, compositoras, pedagogas, pensadoras, pioneiras en ámbitos como a aviación, empresarias, impresoras, escritoras, deportistas…., sen esquecer as chamadas mulleres da Moureira e aquelas que sufriron represión polas súas ideas ou que foron vítimas por parentesco.
Un libro preciso, con páxinas que son documentos estarrecedores e que cómpre coñecer e agradecer a todas as persoas que o escribiron e o fixeron posible.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 16 de setembro de 2016.