Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A árbore da escola, de Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga

Antonio Sandoval – Emilio Urberuaga

A árbore da escola

Kalandraka, Pontevedra, 2016, 40 páxinas, 13 €

 

Volvemos, docentes e discentes ás escolas, aos colexios, aos institutos e universidades. Facelo coa compaña deste álbum ilustrado do que se responsabiliza Antonio Sandoval, no texto, e Emilio Urberuaga nas ilustracións, obriga a acometer a volta doutro xeito, cando menos coa satisfacción de acompañarse da lectura dun libro moi fermoso.

      A árbore da escolaao meu ver, apréndenos a ver as cousas, concretamente a vida das árbores, de diferente xeito. Funde, con eficiencia, dous espazos como son o verosímil e tanxible da escola con outro que enraíza con naturalidade no ámbito do fantástico. O cotián, así pois, inserido no marabilloso -mesmo se se quere ao revés- deita uns resultados espléndidos mercé un recurso como é o da naturalidade expresiva, gañando con sinxeleza a complicidade de quen desexe achegarse a estas páxinas. O libro formula moitas preguntas en silencio, suxire asemade moitas respostas que cadaquén deberá ir dando, entre elas, abofé, as da relevancia que deben ter tanto a natureza nas nosas vidas como a educación ambiental, erixindo por extensión unha reivindicación fundamental como é a da precisa adquisición da conciencia social. Non se esquece subliñar tampouco a importancia do espírito colectivo na toma de decisións, os resultados sempre valiososo do recurso á observación e mais tamén enxalzar as necesarias doses de agarimo e afecto que en calquera situación cumpriría apalpar. Se por riba o texto presenta unha lectura visual como é a da interpretación dun grande como Urberuaga entenderase o meu entusiasmo.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: