O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal

Alberto Canal

O amor nos escuros días de Birkenau

Xerais, Vigo, 2016, 304 páxinas, 18 €

 

O escritor ourensán Alberto Canal ofrece unha desacougante novela que nos aboca ás lapas do inferno que foi o campo de exterminio nazi de Birkenau-Auschwitz explorando, ao tempo, as estremas da resistencia humana

Internarse polos vieiros da chamada literatura da Shoah, tras libros estarrecedores e inesquecibles como A morte é o meu oficio, de Robert Merle, ou a célebre triloxía de Primo Levi, non deixa de ser un verdadeira proba de lume da valía dun autor. Teño para min que Canal a supera con amplitude e demostra o preciso que resulta aínda volver aos ollos ás razóns desta barbarie xenocida. Faino mercé dous personaxes –Münch, un preso político alemán, e Irene Rosenthal, unha moza xudía- que se encontran no campo de Birkenau e entre os que xorde unha relación de amor, se se quer mesmo de “transcendencia” por empregar un termo moi usado na novela. Sexa como for, este vector argumental fúndese, con solvencia, co do complot para fuxir do campo organizado por membros  do  “Sonderkommando”.

         Dun ou doutro xeito Canal gaña a complicidade dunha historia dura a través dun exemplar coidado expositivo. Pero aínda hai máis pois realmente un encontra páxinas moi valiosas desde un punto de vista estilístico como  as do efecto terapéutico que provoca a música ou unha conversa sobre a lectura, por poñer só dous exemplos. Outras páxinas hai que zumegan con transparencia a violencia e a miseria daquel espazo, serpean polas mínimas esperanzas dos condenados e expoñen o perfil pavoroso dos responsables do exterminio.

          Particularmente, a historia de Edith Zirer, mesmo ese final inesperado e encaixado ao milímetro, evocáronme aqueloutra historia que falaba dun encontro entre un soldado alemán chamado Raztinger e un tal Wojtila que, se non foi verdade ben puido selo, como todo aquilo que se conta nesta novela de Alberto Canal que, sen dúbida, recomendo.

Este texto, agora na versión íntegra, publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de setembro de 2016. O seu título orixinal era “Trascender, alén da barbarie”. Abaixo reproduzo o booktráiler da novela.