Diego Giráldez (fotos María Díaz)
1.– Principal trazo do seu carácter?
– A miña familia di que convivir comigo é divertido. Ás veces tórnome arisco. Aí é cando me illo; non teñen por que aguantarme.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Que non me molesten. Cumprir anos estame a producir a estraña sensación de disfrutar coa soedade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– En realidade, non moito. Respecto, se acaso. Nin sequera cariño. Quero saber que están aí para conversar cando os preciso.
4.– A súa principal eiva?
-Son obsesivo e iso quita moitas horas de sono. Recoñezo que iso pode facer que sexa insoportable.
5.– A súa ocupación favorita?
-Varían porque acostumo a aburrirme rápido do que fago se noto que se convirte en rutina. Hoxe en día, ver cine ou unha serie mentres bebo unha copa de bourbon e como regaliz. Mañá xa non sei.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que todo estea tranquilo ao meu arredor. Necesito que sempre que pregunto “como vai a cousa?” me respondan “de marabilla”. Algo así.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Hai vinte anos fun un hipocondriaco irritante. Agora xa non. Aínda así, atérranme as enfermidades incurables.
8.– Que lle gustaría ser?
-Alguén con menos grupos profesionais de WhatsApp no móbil. Supoño que para iso hai que ser multimillonario.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que, polas noites, a xente invada as terrazas e desentone clásicos nas cantinas. E haxa luz, preciso luz.
10.– A súa cor favorita?
– A azul mariña. A branca tampouco me queda nada mal.
- – A flor que máis lle gusta?
-Non me conmoven as flores. As únicas que me chaman a atención son esas que se poñen sobre os pasteis e que cando as comes saben a comuñón.
12.– O paxaro que prefire?
-Non soporto as aves mais recoñezo que hai presidentes de Deputación que son paxaros memorables.
13.– A súa devoción na prosa?
-Hai moitos autores e autoras aos que me gustaría roubarlle algúns parágrafos, sen contemplación, pero devoción non sinto por nada nin por ninguén. Agora mesmo volvo moito a Eloy Tizón.
14.– E na poesía?
– “Pequeño vals vienés”, de Lorca, nunca deixará emocionarme. Hai pouco disfrutei moito cos Fillos da fame, de Ismael Ramos.
15.- Un libro?
-O primeiro que lin, penso que con 7 ou 8 anos: O circo Galliano, da escritora inglesa Enid Blyton.
16.– Un heroe de ficción?
-Gústame a ilegalidade do voyeurismo. Envexo ao Home Invisible.
17.– Unha heroína?
– “A muller marabilla”.
18.– A súa música favorita?
-Calquera que poña as miñas tripas a funcionar. No meu iPod hai rock dos 70, boleros, tangos, pop, bogaloo, clásica… Acostumo a facer seleccións das pezas que me emocionan. Desboto o resto.
19.– Na pintura?
-Contesto a isto polo aprezo que che teño. É angurioso. Fra Angelico, Giotto, Caravaggio, Seoane, Maruja Mallo, Hopper, Tooker…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Eses que sorrín a pesar de todo.
21.– O seu nome favorito?
– Agora mesmo, Xulia.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Esa insistencia tan de moda de presumir de que es unha persoa “supersincera”. Esa xente é a que usa a sinceridade para facer dano. Tamén me inquedan as barbas obsesivamente perfiladas.
23.– O que máis odia?
– A exaltación da ignorancia. Ver como a falla de información ou da chamada cultura xeral básica, poden facer dunha persoa alguén “súper enrollado”. Existe unha devoción perigosa pola superficialidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Calquera que usase o poder para humillar á cidadanía. Agora mesmo preocúpanme máis os que, facendo o mesmo, pasarán á historia como grandes estadistas.
25.– Un feito militar que admire?
-Ás veces espío ao meu fillo tan só para observar as batallas de xoguete que monta entre os Playmobil e os Lego. Con todas esas onomatopeas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Parar o tempo de cando en vez.
- – De que maneira lle gustaría morrer?
-Sorrindo e impuntual.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Por desgraza, estrésome con facilidade. Acostumo a compensalo xogando a autosorprenderme, dándo piruetas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O despiste. O despiste pode facer dunha persoa alguén entrañable.
30.– Un lema na súa vida?
– “Polo menos téntao”.