Cuestionario Proust: Alberto Canal

Alberto Canal

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

-Poñamos que o de ser vivo que intenta vivir a vida con intensidade e coherencia.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– A perseveranza.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Que sigan cultivando a amizade. Todo na vida require un esforzo.

4.– A súa principal eiva?

–  Cecais non ser consciente dela. Ás veces dinme que semella que vivo noutro mundo.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Coidar da horta e das árbores, que teño de todo, ler, camiñar só ou en compaña e facer música con amigos que gostan da música.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Encontrala máis a miúdo, se é algo que se pode atopar nun sitio concreto en nun determinado momento.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Non ter conciencia da miña propia existencia

8.– Que lle gustaría ser?

–  Sempre quixen ser escritor e cantautor. O primeiro vouno enfocando e o segundo…,  para o tempo de lecer.

9.– En que país desexaría vivir?

–  Neste que vivo non está nada mal, aínda que  estaría ben cobrar cada mes o soldo mínimo dos suízos.

10.– A súa cor favorita?

– O granate e o burdeos.  O azul para vestir.

11.– A flor que máis lle gusta?

– A hortensia.

12.– O paxaro que prefire?

– As anduriñas que ocupan o patio da miña casa cada verán. Reconfórtanme os seus rechouchíos e as súas brincadeiras.

13.– A súa devoción na prosa?

–  Kundera, Landero, García Márquez, por mencionar tres con estilos diferentes. Aínda que en Landero hai algo de Márquez.

14.– E na poesía?

– Celso Emilio Ferreiro.

15.- Un libro?

–  Juegos de la edad tardía de Luis Landero. É o único que lin tres veces.

16.– Un heroe de ficción?

– Na miña adolescencia Robert Jordan, o protagonista de “Por quen dobran as campás”. Agora non son moito de heroes.

17.– Unha heroína?

– Vindo onte no tren de Madrid vin unha película sobre as sufraxistas que me impactou. Calquera desas mulleres que a principios do século XX loitaron polos seus dereitos de cidadanía.

18.– A súa música favorita?

–  Son moito de Sabina, Serrat, Milanés, Aute…, mais gosto de moitos estilos musicais. Tamén gozo moito da música tradicional galega. En xeral considero  a música un piar fundamental na vida. Son feliz cando boto man da guitarra, me xunto con outros músicos aficionados e nos pasamos horas tocando as cancións que nos veñen a cabeza.

19.– Na pintura?

– Calquera cadro de Gustav Klimt que non sexa o do Bico.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

–  Todos aqueles que acotío loitan coa vida para saír adiante.

21.– O seu nome favorito?

–  Sara, o de miña avoa e miña filla. Tamén o da muller de Celso Emilio: Moraima (Cando quero vivir digo Moraima….).

22.– Que hábito alleo non soporta?

– Cecais a soberbia e a apatía, aínda que son bastante tolerante con cáseque todos os defectos humanos. Un tamén ten bastante de defectuoso.

23.– O que máis odia?

– Que me esperten da sesta cun susto, que ten pasado.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Todos os ditadores, tanto de dereitas como de esquerdas, se é que se poder dicir que son dalgún bando. Por circunstancias diría que Hitler, xa que veño de convertelo en personaxe d´O amor nos escuros días de Birkenau.

25.– Un feito militar que admire?

– As revolucións  do pobo contra os tiranos

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– A do peixe ese que cando está a punto de morrer resetea o seu código xenético e volve nacer.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

-Se consigo a receita do peixe este que vos digo non penso morrer.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Entusiasmado con algo ou con alguén.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Case todos. O ser humano é polo xeral defectuoso.

30.– Un lema na súa vida?

–  Cando estudaba no Seminario, un cura escribiu sobre a pizarra un lema que logo acuñei para min: MAS (Memento Ascendere Semper), que non é prometo ascender sempre, senón “recorda superarte sempre”. Cousas dos exercicios espirituais.