Un dente sen cadáver
Galaxia, Vigo, 2016, 248 páxinas, 17 €
Sexta entrega dunha das series detectivescas de maior solidez e popularidade na novela negra galega dos últimos anos. O singular detective Frank Soutelo percorre o país para solventar un inesperado caso que espella parte do lado máis escuro do noso tempo.
Circula xa unha segunda impresión desta novela, que comezou a distribuírse a mediados do verán, o que confirma que a serie novelesca protagonizada por Frank Soutelo posúe un indubidable interese para as persoas afeccionadas ao xénero e, con certeza, non unicamente entre estas.
Teño para min que esta novela talvez constitúa unha das entregas máis logradas desta serie pois ten o mérito de encaixar como unha luva no conxunto das cinco novelas publicadas ata o de agora, alicerzándose nuns personaxes que dá xenio reatopar, expondo unha trama novidosa e fuxindo á mantenta do perigo da reiteración. Miguel Anxo Fernández articula unha intriga con palpable axilidade narrativa, case como se visionásemos unha película secuenciada con moito tino pois coñece o autor á perfección o funcionamento de todos os elementos narrativos que conflúen no tecido dese universo de ficción que vén creando desde hai tempo. É quen de fundilos con efectividade e, ademais, segue sen dar as costas a cuestións que, queirámolo ou non, debullan os tempos axitados en que vivimos.
Velaí como a aparición dun dente nun sitio insospeitado é o que desanoa unha trepidante investigación onde agroman asuntos, depositarios dunha relevancia substantiva, como son a explotación sexual, a precariedade laboral, os intereses inmobiliarios ou a violencia de xénero. Ademais, por se fose pouco, o protagonista, ese retranqueiro e singular Frank Soutelo, verase envolto noutro enigma que finca as súas raíces en cuestións familiares e que miran cara a un descoñecido capítulo do pasado. Parabéns, sen dúbida, por unha nova entrega que agardo goce de continuidade en breve.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de setembro de 2016, baixo o título de “Frank Soutelo ten un novo caso”.