Na morte de Francisco Cortegoso

Pásalle a moitas persoas, estou certo. A morte dun poeta supón algo así coma se nos extirpasen as palabras e coma se estas non as foramos atopar nunca máis en ningures. No caso de Cortegoso, a quen non tratei nin coñecín persoalmente, pero si lin con devoción nos poemas de Memorial e danza, tiña por diante un camiño por percorrer que non resultaba difícil conxecturar como esplendoroso, renovador e radical. Parte dese futuro cífrase en Suicidas, libro sobre o que Antón Lopo, desde Chan da Pólvora, me comunicaba a semana pasada o seu entusiasmo como editor e como amigo do poeta. Será unha lectura obrigada, sospeito que gozosa e triste á vez. Descanse en paz.