Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Memoria e actualidade de Lueiro, onte en Vigo

A sempre acolledora libraría Cartabón volveu facer posible, no serán de onte, a celebración dun encontro que quixo pór en valor a obra literaria e mais a figura humana de Manuel Lueiro Rey onde confluíron tres circunstancias como foron a do centenario do nacemento do autor do Grove, realizar a presentación na cidade de Vigo e, loxicamente, facelo da man de dous novos libros do autor editados nos últimos meses.

     No que di respecto ao centenario resultaba de regra lembralo especialmente este ano no que se suman diversos acontecementos felices como a Exposición Camiño Aberto, en ruta por Poio proximamente. No que atinxe a Vigo era preciso focalizar a cidade como un espazo vivencial e afectivamente moi próximo a Lueiro, onde cultivou moitas amizades e onde tiñan a súa sede numerosas cabeceiras xornalísticas nas que colaborou arreo. Tamén foi lembrada no transcurso do acto a edición que se fixo na cidade olívica do seu poemario Vigo en tres paisajes, un valioso libro de sonetos onde non recreaba  tan só un territorio físico e xeográfico pois, ao contrario, afondaba nas singularidades das súas xentes e no seu ritmo proletario entre outros elementos nuns poemas galardoados nos anos sesenta, malia que publicados trinta anos despois.

      Para a presentación dos dous volumes nos que tiven a fortuna de colaborar como editor literario falaron Pepe Carreiro e Manuel Bragado, en representación de Laiovento e Xerais respectivamente, casas editoras da reedición de Non debían medrar e das Novas crónicas dunha transición intransixente. Particularmente foi un acto no que me gustou moito participar pois entendín que foi Lueiro a ponte precisa que uniu intereses, iniciativas e vontades de dous importantes selos editoriais galegos nun mesmo acto, algo infrecuente e que non debería selo. Grazas a todas as persoas que fixeron posible que se celebrase este acto e grazas pola crónica do mesmo a Manuel Bragado. Seguimos, claro é, na Causa Lueiro.

 

Advertisements

Un comentario en “Memoria e actualidade de Lueiro, onte en Vigo

  1. Pingback: Vídeo da presentación de dous libros de Lueiro en Vigo (Libraría Cartabón) | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: