Auga a través, de Dores Tembrás

Dores Tembrás

Auga a través

Apiario, A Coruña, 2016, 20 páxinas, 12 €

 

Inaugura a editora Apiario unha nova colección –Pan de Abella– cunha publicación que comparte o espírito da brevidade e a intensidade das plaquettes, dialogando asemade coa película “Os días afogados”

No ano 2015 Luís Avilés e máis César Souto  gravaron unha película titulada “Os días afogados” na que afondaban nas vivencias de antes e despois do asolagamento das terras ourensás de Aceredo e Buscalque para a construción do encoro de Lindoso aínda onte á noite, isto é, en 1992. A película é desas que encolle o corazón porque se asoma á zona máis profunda da condición humana, isto é, aquela que se anoa ás raíces, aos territorios xeográficos e sentimentais propios que, en función de decisións arbitrarias, son xa abismos que o tempo esvaece, provocando unha ferida magoante e perenne. O Aceredo mergullado rexurdiu hai catro anos pola seca e dese impacto agromou Auga a través de Dores Tembrás.

         Os sucos físicos e palpables da cuberta da plaquette son espazos, aos que deu atinada forma Tamara Feijoo, polos que a palabra circula, moumea e grita en silencio cando é preciso. Tembrás concentra, conmovedoramente, a dor, a impotencia, o exilio, a anguria, as fendas, as dimensións do poder e a carraxe no verso limpo e aceirado, preciso, sometido unha e outra vez a un proceso esencializador que deita uns resultados espléndidos. No poema, a súa voz recúa para outorgarlle protagonismo aos obxectos, ás palabras pronunciadas, a todas e cada unha desas persoas que sufriron o desarraigo, que o enxergaron, que arrostraron os perigos inminentes, que fixeron o que puideron para resistir e non ter, unicamente, que lembrar. Tembrás logra “volver auga a través” a aqueles territorios vivos na memoria e faino con excelencia. Non é pouco.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de outubro de 2016, baixo o título de “Memoria, auga, poesía”.