Así aprenderán a non ter ideas
Morgante, 2016, Cangas do Morrazo, 554 páxinas, 24 €
Creo que o comentei nalgunha ocasión e, non obstante, non está de máis volver reiteralo. O percorrido bibliográfico que exhibe ata o de agora de Calros Solla resulta absolutamente fóra do común. Calquera persoa que considere os seus traballos publicados, alén da apreciable obra poética da súa autoría que viu a luz, decatarase das dimensións do seu incansable labor no ámbito da creación literaria mais tamén das pescudas históricas, etnográficas, arqueolóxicas e culturais, ao abeiro dese proxecto que espella na serie “Cerdedo in the Voyager”, que vai vendo a luz no selo Edicións Morgante e que completa, con este volume, a décimo sexta entrega. A afirmación devandita non só valora cuantitativamente as súas achegas, antes ben quere apuntar e subliñar a relevancia que estas encerran.
Neste sentido, boa mostra do sinalado contense neste Así aprenderán a non ter ideas que, como o seu subtítulo sinala, afonda nas dimensións do agrarismo, o caciquismo e mais a República en Cerdedo. Resulta difícil sintetizar o traballo aquí desenvolto que parte da concepción do Cerdedo, nos tempos da República, como “un concello vivo, inquedo, contestatario, culto, moderno, diverso e, polo tanto, convulso; tan afastado dos núcleos de decisión coma implicado co sentir dos novos tempos. Mais Atila labrou fondo nesta terra”. Deste xeito seguiranse os pasos dese Atila que esmagou todo o que puido, isto é, os logros e avances acadados nas diferentes dimensións sociais nos tempos da República.
É este un libro afouto e necesario onde se realiza unha análise brillante tanto das censuras que se veñen operando nas achegas bibliográficas destinadas a coñecer o noso pasado e dos xuízos aos que se somete a investigación histórica -de Cerdedo, abofé, mais tamén doutras iniciativas parellas- como da relevancia que posúe a recuperación da memoria e o papel clave que desempeñan nela tanto os testemuños orais como o manexo dunha documentación, neste caso absolutamente oceánica.
Esta achega de Solla axuda a entender, con precisión e co uso de fontes fidedignas, cousas que pasaron e cousas que están a acontecer na realidade. O seu obxectivo, paréceme, cífrase nunha sentenza que percorre o libro como é “esconxurar a amnesia” e, quen o dubida, restituír a honra a quen o merece. Teñó para min que isto se consegue ás claras e eu felicito ao autor polo seu traballo, intenso, rigoroso e esencial.