Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Adianto editorial: “O alfaiate portugués”, de Xavier Senín

Por cortesía da editorial Galaxia o Caderno da crítica ofrece dous relatos do vindeiro libro de Xavier Senín titulado O alfaiate portugués.

 

O tío Pedro

O tío Pedro Casaba un sobriño neto e o mozo pensou moito se invitar á voda a seu tío Pedro, porque se celebraba en Madrid e non sabía se o home estaría disposto a facer unha viaxe tan longa. Falou con el a nai do noivo, que non tiña moitas esperanzas naquela xestión. O tío non deixara a aldea máis que para ir ao especialista en Santiago cando estivera enfermo do estómago. Tivera que cumprir o servizo militar, pero era moi novo, metérano no tren e aos poucos días de iniciar a instrución morreulle o pai, así que tivo que volver para a casa. O caso é que a Maruxa foi falar con el e comunicoulle a noticia. O home aledouse moito e quixo saber se podería ir no tren. A medida que se achegaba a data, o tío Pedro preguntaba se se lembraban del para a viaxe e non quedou tranquilo até que unha semana antes lle amosaron os billetes.

     Colleron o tren pola mañá e fixeron unha viaxe moi tranquila. O tío non daba visto. Ás veces aproveitaba para facer algún comentario se algún dos lugares lle lembraba unha noticia que saíra na televisión ou que lera no xornal. Malia o tempo que pasou naquel vagón, non se queixou para nada, nin sequera durmiu un pouco. Ao chegaren ao destino comeron, que viñan mortos de fame. Desde o taxi miraba todo pasmado, pero o maior asombro foi cando chegaron ao hotel. El pensaba que durmirían cas do sobriño, como se adoitaba facer na súa aldea cando viña a familia pasar uns días. Perdíase naquel cuarto tan grande, e despois de mirar e tocar todo, decidiu abrir a ventá pero, por máis que o tentou, non o conseguiu. Aqueles días pasáronlle coma un lóstrego e, como el contaba despois, non daba asimilado todo o que vía.

     Cando chegou á aldea non paraba de contar como era aquela gran cidade en que estivera: edificios altísimos, rúas enormes, mareas de xente, milleiros de… Pero o que máis lle chamou a atención é que non puidera abrir a ventá do cuarto.

 

O alfaiate portugués

O alfaiate portugués Chamábase Nuno e viña de terras transmontanas do país veciño. Ninguén sabe por que razón veu dar a aquela vila tan distante. Era xastre, pero prefería que lle chamasen alfaiate, como se dicía no seu país, porque, aseguraba, era unha palabra máis fermosa que a que se adoitaba por estas terras.

      Non tardou en facer unha boa clientela, por máis que os tempos era difíciles, pero a súa sona medrou coma a escuma por toda a contorna. Para dar unha idea, cada vez que se anunciaba unha voda, os homes apresurábanse para ser os primeiros en encagar os traxes, aínda que os familiares sempre se adiantaban aos demais porque coñecían antes a noticia. Era quen de facer de todo, mesmo roupa de muller, pero a súa especialidade era a de home. Chegou a ter até cinco persoas traballando e cunha planificación moi estrita. Os martes, un supoñer, era o día marcado para tomar as medidas, e os venres facíanse as probas, normalmente dúas; para a segunda prefería que o cliente fose acompañado da muller, pois consideraba que a súa opinión había ser fundamental para un resultado satisfactorio.

      Todo o mundo saía contento porque tiña unha man especial para disimular as eivas do cliente, maiormente as referentes aos ombreiros, que corrixía combinando un corte axeitado e as mañas propias do oficio. Cada traxe leváballe tres días de darlle á agulla, non seguidos, xaora, pois traballábase en varias pezas ao mesmo tempo.

      A chegada da roupa confeccionada en fábricas foi reducindo pouco e pouco o traballo; con todo, aínda conservou clientes que preferían pagar máis por unha feitura. Nos últimos tempos, completaba os seus recursos vendendo camisas e gravatas. O día que se xubilou o último empregado, aproveitou para desaparecer co mesmo misterio co que chegara anos atrás. Non deixou nada pendente.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 20 Outubro 2016 por en Adianto editorial,Literatura galega , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: