Xesús Alonso Montero e Beatriz García Turnes
Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas
Parlamento de Galicia-Xunta de Galicia-Real Academia Galega, Compostela, 2016, 80 páxinas
Tras a celebración dun acto de irmandade realizado entre a Assembleia Legislativa da Região Autónoma dos Azores e o Parlamento de Galicia, xorde este libro apoiado tanto pola devandita institución como pola Xunta de Galicia e a Real Academia. Nel acóllense senllos ensaios relacionados con dous dos autores máis egrexios de Ponta Delgada como foron Antero de Quental e Teófilo Braga.
No que se refire ao primeiro, Xesús Alonso Montero aborda un completo e pormenorizado asedio pola vinculación que Antero mantivo coa nosa literatura. Manexando un amplo corpus documental –ensaístico e epistolar- ilumínase a relación intelectual que mantivo con Curros Enríquez, tradutor que foi de varias composicións de Antero e doutras voces da literatura portuguesa como Camões. Ao tempo, respóndese a cuestións como a admiración mutua entre os dous poetas e analízase a tradución do célebre poema “Zara” realizada polo poeta ourensán, alén de incorporar outras noticias literarias escasamente coñecidas sobre Antero en Galicia.
É a filóloga e escritora Beatriz García Turnes quen completa este ensaio centrándose en Teófilo Braga, autor moi relacionado coa “intelligentsia” rexionalista como testemuña a correspondencia que mantivo con Pondal, Murguía ou Martínez Salazar. Testemúñase así a responsabilidade do intelectual azoriano no coñecemento da literatura medieval galego-portuguesa entre nós analizando tamén dous textos seus como son o Parnaso português moderno e o seu prólogo ao Cancioneiro de José P. Ballesteros. Os Azores e Galicia, en fin, man a man pola literatura.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 7 de outubro.