Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Asedios ás Irmandades da Fala no seu centenario

Se nas conmemoracións culturais galegas deste ano algunhas efemérides están a pasar un tanto desapercibidas aqueloutras articuladas arredor das Irmandades da Fala están a xerar interesantes propostas editoriais.

       Alén do exhaustivo e totalizador estudo a cargo de Emilio Insua en Baía Edicións –A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)– nos últimos meses cadraron tres publicacións que cómpre salientar.

     Dúas adscríbense ao xénero das antoloxías e veñen da man dun proxecto auspiciado pola Real Academia Galega que persegue ofrecer escolmas xenéricas,  dotadas dun breve limiar e organizadas baixo un criterio divulgativo. Polo de agora, á falta de senllos volumes que se publicarán a finais de ano e que se ocuparán da poesía e mais da narrativa curta, xa se poden atopar editados dous volumes desta serie que achegan atinadas seleccións tanto de textos teatrais, a cargo de Laura Tato Fontaíña, como da oratoria e prosa non ficcional, baixo a responsabilidade de Henrique Monteagudo. Ambos os dous títulos poñen en valor, con xustiza, a relevancia dos textos reeditados neses ámbitos tan precisos para avanzar na normalización do noso sistema literario e cultural.

      Por outro lado, un dos libros de maior aceptación da tempada literaria é a monografía, editada por Laiovento, baixo o título de As Irmandades da Fala (1916-1931) e subtitulada “Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX” so a coordinación do profesor Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. Nela acóllense un total de dez colaboracións ensaísticas que abordan moi diversas dimensións suscitadas tanto polas actividades das propias Irmandades como polo contexto histórico en que alentaron. Voces autorizadas como as de Pilar García Negro, Dionisio Pereira, Aurora Marco ou Henrique Rabuñal, entre outras, avanzan no cabal coñecemento e na difusión do legado desta organización.

     Por último, Edicións Xerais súmase igualmente a este ronsel de publicacións coa xa inminente aparición de Arredor das Irmandades da Fala. Pensamento, política e poética en Galicia (1914-1931), coordinado por Luís Cochón e prologado por X.L. Méndez Ferrín onde se agrupan as análises dun conxunto de especialistas a dialogaren, ademais, con algúns textos de autores da época como Dieste, Filgueira ou Cunqueiro.

        Non dubido que, neste aspecto, está a darse unha excelente anada ensaística e divulgativa baixo esa perspectiva converxente que subliña o labor dignificador levado a cabo nos tempos das Irmandades e que se proxecta, sen dúbida, ata a actualidade.

This slideshow requires JavaScript.

 

Este artigo publicouse nas páxinas de información cultural de La Voz de Galicia o 24 de outubro de 2016.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: