Un monstro vén a verme, de Patrick Ness

Patrick Ness

Un monstro vén a verme (tradución de Xesús Fraga)

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 144 páxinas, 13 €

 

Faktoría K de Libros, en tradución de Xesús Fraga, publica a novela orixinal de Patrick Ness que inspirou a película homónima de J.A. Bayona, nestes días nas carteleiras. Unha boa ocasión para valorar a adaptación que se fixo desta obra literaria á pantalla.

Por veces, mentres lía esta novela, preguntábame se Patrick Ness, que chegou a compoñer esta novela como un reto formulado a partir dunha idea concibida pola escritora norirlandesa Siobhan Dowd, xa falecida, podería ter algún devanceiro perdido na súa xenealoxía que nos cadrase preto. Talvez algo teña que ver nesta percepción o excelente traballo do tradutor Xesús Fraga ao transparentar limpamente tanto a dimensión irónica que repousa na instancia autorial como a forza depositada na oralidade: algo ben patente no protagonista O´Conor, nos contos que relata o monstro-teixo ou nos matices que adopta en tantas ocasións a voz narrativa.

      Dito isto, a novela entretece con habilidade elementos de diversa filiación alén dos sinalados, facendo confluír, mercé aos recursos da ambigüidade, o misterioso e o enigmático, o fantástico coa vida cotiá e gañando a complicidade de quen se achegue a ela mercé a figura dun neno case desamparado diante do que é difícil non sentir empatía. Deste xeito dáselle voltas ao concepto do medo: aquel que se instala, case teluricamente, na memoria de O´Conor e que se transforma nese monstro-teixo intemporal que conta historias a cambio de algo; mais tamén do medo que xorde cando é sometido a acoso, a ser sinalado socialmente, á páxina en branco que será a súa vida cando desapareza o seu ser máis querido e cumpra cruzar fronteiras cara ao descoñecido. Mais tamén, quen o dubida, é esta unha proposta que fala do amor e da esperanza, da aprendizaxe e da resiliencia: esa que se mantén afouta dentro dun, pase o que se pase, coma se vivise na cerna dun teixo milenario.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 2016.