Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Na morte de José Batlló, editor de “El Bardo”

No capítulo da edición extra-territorial en lingua galega ocupa un espazo relevante a figura de José Batlló, de quen souben esta mesma mañá que falecera.  Batlló, unha rara avis dentro do panorama cultural do franquismo e do post-franquismo, foi poeta, editor e libreiro “furioso” como nalgún obituario puiden ler (recomendo, ao respecto, este estupendo artigo do meu prezado Fernando Valls).

     No ano do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro quixemos que colaborara nalgunha actividade pero a súa resposta foi que el xa dixera o que tiña que dicir. Nalgunha medida era certo. No seu libro El Bardo (1964-1974). Memoria y antología (Los libros de la fronteira, 1995) afirmou rotundamente: “memoria y gratitud eterna deben los poetas de mi generación a Celso Emilio Ferreiro“. En efecto, cinco anos despois da primeira edición de Longa noite de pedra en Galaxia, a colección El Bardo que el dirixía acomete a primeira edición bilingüe deste libro, con tradución ao castelán a cargo de Basilio Losada. O libro converteuse nun éxito extraordinario de vendas respecto do que confesou que perdera a conta do número de edicións que se fixeron e dos exemplares vendidos. Celso Emilio nunca reclamou un céntimo nos dereitos de autor e iso supuxo que moitos libros de poesía puidesen ver a luz naquela casa editora mercé este éxito.  Aínda en 1968 editaríalle a Celso Emilio Ferreiro a edición bilingüe, en tradución de Xesús Alonso Montero, de Viaxe ao país dos ananos, libro que reeditaría en 1970 e 1972, e probablemente aínda despois.

    Que a terra lle sexa leve ao gran Batlló, editor -extraterritorial- galego.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: