
1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo e o seu derivado instrumental, a paixón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A franqueza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que paguen de cando en vez as cañas e os viños, para que así tamén llas poida pagar eu a eles, nun círculo sen fin de alcol, conversas e retruques.
4.– A súa principal eiva?
– Se cadra a dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Botarme ao monte.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A miña parella, unha boa botella de viño, e un serán vizoso na Casa de Barcia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que se me truncaran os proxectos nos que máis ilusión poño.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un penedo no pedregal de Esteiro. Un cabalo ceibo no Xistral.
9.– En que país desexaría vivir?
– Seis meses aquí (ese amplo aquí de toda Galicia) e seis meses aló. E aló pode ser Nova York, Sarlat-la-Canéda, Capu di Fora, Castell’Arquato, Douarnenez, Portree…, lugares onde fun feliz.
10.– A súa cor favorita?
– Ando entre o vermello e o ouro vello.
11-. A flor que máis lle gusta?
– A hortensia, as florciñas do cardo e da uz.
12.– O paxaro que prefire?
– O corvo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Faulkner. Lobo Antunes. Eça de Queirós. Cormac Mc Carthy. Cunqueiro. Baricco.
14.– E na poesía?
– Seamus Heaney. Ramiro Fonte. Omar Khayyam.
15.- Un libro?
– Dos últimos, O tempo dos agasallos, de Patrick Leigh Fermor. De sempre, O memorial do convento, de Saramago.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Jessica Jones.
18.– A súa música favorita?
– Estes días ando saudoso. Poñamos ‘L’Appuntamento’ de Ornella Vanoni.
19.– Na pintura?
– Francis Bacon.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Alan Turing.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O reviradismo.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza. Os remorsos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os supervivintes a calquera cambio de poder.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia final das Irmandades na Lanzada. Sete labregos e mariñeiros resistindo nun castelo en ruínas, durante unha semana, ás forzas de Pedro Madruga, en 1469. Un feito tan heroico como descoñecido.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da palabra exacta no momento axeitado
27.- De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa sensación de que queimei gozosamente case todos os cartuchos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A fervedura.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O orgullo.
30.– Un lema na súa vida?
– O mesmo que Cela: Resistir é vencer.