O espello do mundo, en Compostela

 

Chegamos onte,  na Libraría Pedreira e coa  hospitalidade que nos brindaron Antón e Chus, ao final do ciclo de presentacións que lle corresponderon a O espello do mundo. Novela que nos fixo percorrer diversos espazos como foron Vigo, A Coruña, Pontevedra, Escudeiros ou Bueu e, abofé, Compostela.  A presentación na Pedreira resultou felizmente cálida e emotiva pola presenza, entre o público, de moitas persoas que estimo e, sen dúbida, polas luminosas intervencións do incansable Manuel Bragado, que tantas veces me acompañou neste percorrido, e as das voces amigas de Chus Nogueira -que diseccionou e analizou exemplar e agarimosamente a novela- e Marilar Aleixandre, que deu lectura a unha marabillosa e emocionante carta manuscrita que trouxo de Alemaña e, sorprendentemente, escrita pola propia Hildegard von Bingen, que talvez máis adiante traia a este blog.

   Con esta anotación dou tamén as grazas a todas as persoas, que foron moitas, que me acompañastes afectuosamente nestas presentacións: tanto ás que me arroupastes coas vosas palabras como ás que asististes aos actos, todos eles felizmente distintos e singulares. Beizón, que diría Ona Guiomar.

3 Comments

Os comentarios están pechados.