Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Coa memoria de Lueiro e Bóveda, en Ponte Caldelas

Celebrouse onte, na Casa da Cultura e Biblioteca de Ponte Caldelas, un significativo e revelador encontro arredor da memoria de Lueiro Rey e mais de Alexandre Bóveda por mor da inauguración da Exposición “Lueiro Rey. Camiño aberto”, co que celebramos o centenario dos seu nacemento e que agora cobrou un sentido itinerante. No magnífico espazo que nos acolleu -antigamente unhas dependencias carcerarias-, rehabilitado para converterse nun centro de difusión cultural envexable, Lueiro Rey, nas eleccións de febreiro de 1936, sufriu unha detención e foi ingresado durante unha noite no cárcere debido á súa teimosía por exercer como interventor pola Fronte Popular cando aínda non contaba coa idade preceptiva e legal para facelo; detido, ademais, por reincidente por xa fora expulsado o mesmo día das eleccións doutro colexio electoral en Fornelos por idéntica razón. Ao día seguinte puido saír libre, fortuna que non tería, uns meses despois, Alexandre Bóveda,  que pasou unhas horas detido antes de ser conducido a outras dependencias, en vésperas do seu fusilamento en Poio.

     Por esa razón, nunha iniciativa que cómpre agradecer a Carmen Carreiro, tras a intervención do alcalde Andrés Díaz, procedeuse a descubrir unha placa que lembra o paso por aquel lugar tanto de Lueiro como de Bóveda e mais tamén de tantas outras persoas anónimas, privadas da liberdade e en ocasións paseadas e asasinadas por pensar distinto.  A música de Cambas, Leiro e Caramés, a dicción e vibrante recitado de poemas de Eli Ríos e as palabras atinadas e xustas de Xosé Leal, Ramón Rozas e Xesús Alonso Montero puxeron o ramo a acto verdadeiramente inesquecible. Unha ampla crónica do acontecido pode consultarse premendo aquí.  Seguimos na Causa Lueiro (abaixo algunhas fotografías do acto, cortesía de Carmen Carreiro).

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: