Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi

Antonis Papatheodoulou (texto) e Iris Samartzi (ilustración)

Unha última carta (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2016, 48 páxinas, 14 €

 

Marabillosa esta última entrega do Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados que organiza Kalandraka xunto co Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela. Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou, responsable do texto e Iris Samartzi, autora dunhas fantásticas ilustracións que en tantos casos abrazan as técnicas cinematográficas, atentas sempre aos pequenos detalles recorrentes que outorgan harmonía visual ao conxunto, confirma como nos fíos argumentais máis sinxelos, resultado -non é difícil sospeitalo- dun labor de intensa estilización de mans dadas con certo arrecendo lírico, repousa boa parte do éxito dun álbum ilustrado como o presente.

     Un carteiro, responsable do reparto postal na illa na que vive, aborda o seu derradeiro día de traballo e rememora, dalgún xeito, o que foi  unha vida comprometida co seu labor profesional e coa súa veciñanza, onde ao final hai lugar para unha sorpresa conclusiva. Esa ollada á carta e a quen nola entrega como algo máis ca un obxecto ou unha profesión, que evidentemente se homenaxea, é un dos elementos máis salientables da proposta. Gústame esta perspectiva de entender a carta, especialmente a manuscrita, como un continente de palabras que nos fai chegar felicidade ou abatemento, esperanza ou desilusión, que nos define dalgunha maneira, para volver rescatar o que sempre foi: un espazo construído desde a necesidade de compartir, de informarse, de coñecer…, por todo isto o libro dirixe unha tenra ollada, non exenta de certa melancolía, tanto a esta fórmula de comunicación como ás persoas que antes, como agora, posibilitan que ás nosas mans chegue un sobre con nunca se sabe ben que palabras no seu interior. Parabéns por idear este traballo, parabéns por galardoalo e dalo á luz.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: