Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Xa non estou aquí, de Iria Misa

Iria Misa

Xa non estou aquí

Xerais, Vigo, 2016, 216 páxinas, 12 €

 

Hai unha inequívoca ollada de fondo calado social nesta primeira e feliz estrea da profesora gondomaresa Iria Misa no mundo da literatura que, ademais, foi galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil neste mesmo ano. Nela cultiva un asunto conflitivo e de actualidade –cando non o foi?- como é o da desaparición dunha adolescente e faise deseñando con pulsión literaria o retrato preciso, transparente e verosímil, do sempre complexo universo que retrata parte da adolescencia actual: as conxecturas, os medos, as inquedanzas, os hábitos, as perspectivas de futuro ou as actitudes que abrazan reveladas mercé o uso dun obxectivo fotográfico que recolle limpamente distintos planos, termado con pulso firme e onde as conclusións debe sacalas, libremente, quen se achegue a esta novela.

       O argumento avanza, a través dun ritmo coidado e áxil, fundindo e acumulando fragmentariamente diferentes puntos de vista que van desvelando as claves que integran o mundo no que se instala unha protagonista chamada Ánxela, se se quer símbolo desa encrucillada que por veces se presenta nun momento difícil da vida. As vivencias e experiencias que se relatan e contrastan, os puntos de vista por veces encontrados pero reveladores, van construíndo un mundo de ficción que se alicerza nunhas engaiolantes páxinas iniciais onde se  sobrevoan espazos e presenzas por alguén ausente que, xustamente, vai outorgarlle sentido á propia novela.

       É manifesta en Xa non estou aquí a vontade de escaravellar nas razóns que poden levar a unha moza a fuxir e esvaecerse, sen nunca entrar nun xogo que axuíce moralmente comportamentos, nin o que respecta á protagonista nin tampouco ás persoas que a rodean, transitando por un camiño que se afasta á mantenta de adoutrinamentos.  As experiencias relatadas, marcadas pola intensidade emocional, percorren e diseccionan os elementos dun universo que ninguén dubida da súa existencia aínda que por veces non queira verse. Ficción operativa para afondar, xustamente, nos límites da existencia cando se procura un espazo propio e se cuestionan, nunha época de construción, os signos da propia identidade, onde nace o medo a asomarse ao que hai máis alá do coñecido.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 11 de novembro de 2016.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: