Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As Irmandades da Fala, de Pepe Carreiro

Pepe Carreiro

As Irmandades da Fala

Baía Edicións, A Coruña, 2016, 90 páxinas, 15 €

 

 

Non é fácil, nin debería pasar desapercibido, este traballo de Pepe Carreiro. Nun chío que publiquei onte adxectiveino como un vademécum necesario, pois esa era a miña primeira impresión ao telo nas mans. Hoxe, tras lelo, non podo máis que reafirmar esa aseveración e subliñar a oportunidade desta publicación neste que é o ano do Centenario das Irmandades da Fala.

    Pepe Carreiro, dicía arriba, acomete un traballo que non é fácil. Tras revisar boa parte da bibliografía que afonda neste asunto, tal e como confesa nas páxinas epilogais do libro, o autor somete esa información un filtro esencializador que retén o máis relevante do contexto, nacemento, evolución e conclusión deste movemento e nesa trasfega ao soporte narrativo e visual é onde o peso do humorístico cobra auténtica relevancia. Un tamiz, así pois, que tamén é crítico, irónico e que encerra grandes verdades xa explícitas no subtítulo do mesmo: “Nin provicialismo, nin rexionalismo, nin galeguismo: nacionalismo!”;  un tamiz que fai que leamos esta achega cun sorriso na boca xa non só ao reparar nas expresivas ilustracións que acompañan cada pequeno capituliño, senón tamén cando pechamos o libro e nos decatamos do enorme servizo que Carreiro fai ao sintetizar, con axilidade e innegable atractivo, o que as Irmandades da Fala supuxeron para sermos quen somos, para chegarmos ao que somos.

     Non podo máis que alegrarme por esta iniciativa de Baía Edicións e desexarlle a necesaria visibilidade que, sen dúbida, merece.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 30 Novembro 2016 por en Crítica literaria,Ensaio , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: