Bicos
Fervenza, A Estrada, 2016, 76 páxinas, 15 €
Calquera escrito, calquera libro, sexa cal for, de Xosé Vázquez Pintor é sempre unha regalía. Nel latexa sempre a seguridade de atopar palabras que sempre fan pensar e que sempre resultan fascinantes.
En Bicos, un libro de poemas para a infancia, ocorre exactamente así. Apunta Pintor que nel vai a “Casiña da Memoria” e, en efecto, nestes poemas viaxa a memoria e a vida, de mans dadas coa felicidade, cousa que por veces é marabilloso atopar. Os poemas, camiñando por ese primoroso e senlleiro rexistro lingüístico no que tanto se aprende, son para Alan e Brais, dous netos xemelgos do autor con ano e medio de vida, mais son tamén para todas as nenas e nenos que no mundo haxa e a quen lles poidan ler estas composicións e, abofé, para todo tipo de persoas que gusten de ler poesía. Polas composicións de Pintor transitan motivos que coidadosamente pertencen ao mundo que deben descubrir e nos que aínda repousa o fascinio do descoñecido ou misterioso: velaí os animais domésticos e aqueles que non o son; velaí os xogos e os obxectos máis cotiáns aínda cheos de enigmas; velaí os fenómenos atmosféricos nese intre en que se descobren; velaí aquilo que se poden atopar en calquera cidade ou no colexio; velaí os arcanos que poden encerrarse na noite ou aquilo que nos serven para para ir dun lado a outro…, todo aquilo que aínda é fantástico para os ollos de quen o descoñece e, así, o reiventa.
Bicos, ademais, presenta unha singularidade que o fai, decididamente, único. Todos os poemas aparecen acompañados dunha ilustración realizada ad hoc por un total de vinte ilustradores e ilustradoras que converten o libro nunha auténtica xoia: literaria e visual. Os meus parabéns.