Onte, de Monterroso ao Culturgal

Día intenso o de onte no que asistín ás primeiras sesións da Xornada en recoñecemento a Lorenzo Varela por mor do centenario do seu nacemento no concello de Monterroso. No que entendo como unha excelente iniciativa, a primeira parte dos actos desenvolvéronse nun espazo do Centro Penitenciario de Monterroso onde Xesús Alonso Montero pronunciou unha breve e emocionante alocución e as persoas galardoadas no Certame literario-pedagóxico lemos a composición de Lorenzo Varela sobre a que versaron os traballos premiados. Non teño dúbida que esta supuxo unha experiencia imborrable para todas as persoas que participamos nela, nomeadamente Cristina Souto, Patricia Arias, Esperanza Mariño e eu mesmo.

    A continuación os actos desenvolvéronse na sede do Centro Sociocultural de Monterroso, coa entrega de premios da man do alcalde Miguel Rico e dos membros do xurado. A xornada continuou durante toda a tarde no que entendo un recoñecemento necesario á figura de Lorenzo Varela. Grazas ao Concello de Monterroso e ao Instituto de Estudos de Ulloáns por organizar o galardón e esta xornada, onde coincidín con vellos e prezados amigos como Carlos Bernárdez, Antón Costa Rico, Gregorio Ferreiro Fente ou Xan Leira.

     Pola tarde, no Culturgal, foi un pracer saudar a tantas persoas coñecidas e participar na interesante mesa redonda sobre novela histórica coa compañía de Alberto Canal, Manuel Gago e César Lorenzo Gil. A miña gratitude para todas as persoas que fixeron posible este encontro e, en especial, a Edicións Xerais.

O pase de diapositivas require JavaScript.