Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Quique na aldea, de Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas

Quique na aldea (ilustracións Olaya Naveira)

Bolanda, Compostela, 32 páxinas, 15 €

 

Hai escasos días Gres acolleu un acto no que se presentou este libro por mor do primeiro cabodano de Xosé Neira Vilas. Prologado por Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, é este un dos libros inéditos do autor, que Bolanda acolle e difunde en formato de álbum ilustrado con intepretación gráfica a cargo de Olaya Naveira.

    Quique non é Balbino, abofé, mais nel aínda se advirte a inocencia e mais o deslumbramento que produce o descoñecido e o novo. Ao contrario de Balbino, e ao longo de quince composicións poéticas, Quique, que procede da vila, vive ás costas do mundo rural e descobre o mundo da natureza mercé á súa estadía na casa dos avós. Mais non só é a natureza o que se lle revela en todo o seu esplendor pois asemade percibe a maneira diferente de relacionarse, de xogar, de divertirse e mesmo de vivir. Hai un poema no que a voz de Quique apunta que “Quero deprender o monte, / un libro de moitas páxinas”. En efecto, é este un libro de aprendizaxe, de coñecemento, de descuberta que, ademais, nos devolve, con emoción, a palabra tan singular e senlleira de Neira Vilas quen aínda depara, un ano despois, sorpresas coma esta. Grazas por perseverar na memoria do escritor de Gres con este coidado proxecto.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 9 Decembro 2016 por en Crítica literaria,Literatura galega , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: