Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Con Marifé Quesada, socia de honra de Gálix, no IES Valadares

Celebrouse hoxe no IES Valadares (Vigo) un entrañable e concorrido acto no que Gálix tivo a ben facer efectivo o nomeamento como Socia de Honra da entidade a Marifé Quesada, primeira ilustradora que é merecente, e con xustiza, deste galardón.

     Para a comunidade educativa, alumnado e profesorado, do IES foi un pracer acoller este recoñecemento no que, tras visionar algúns dos magníficos traballos da ilustradora, participaron o presidente de Gálix, Xosé Antonio Perozo; a escritora María Xosé Queizán, que realizou unha fermosa laudatio en clave persoal, artística e literaria que agardo poidamos ler publicada na rede, e a propia homenaxeada que, nun discurso marcado pola emoción, deixou boa mostra da súa paixón por este traballo. Finalmente, tras as palabras da directora do centro Eva López Tarrío e da profesora Ana Luna, membro da directiva de Gálix, un breve discurso da concelleira de Educación do Concello de Vigo, Olga Alonso, pechou o acto.

    Gálix agasallou a todas as persoas asistentes cun díptico que contén unhas palabras de María Xosé Queizán e unha ilustración ad hoc de Marifé Quesada e houbo ocasión para o intercambio de agasallos e, particularmente, para saudar a moita xente apreciada que se trasladou para asistir ao acto como Antonio M. Fraga, Antía Marante, Antonio Seijas, Carmen Díaz “Minana” ou a miña prezada Pilar Sampedro entre outras persoas. Foi unha moi feliz xornada festiva e educativa. Grazas!

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: