Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Crónica córnica, de Francisco Coimbra

Francisco Coimbra

Crónica córnica

Xerais, Vigo, 2016, 280 páxinas, 18 €

 

No condado de Cornualle, na Gran Bretaña, amence un día calquera e a totalidade da súa poboación dá en falar, de maneira súpeta e inexplicable, unha lingua considerada extinguida como é o córnico.  Todo parte de asumir a relevancia que ten dicir “myttin da” e non “bo día” en inglés, isto é, un pequeno xesto que terá un fin impredicible e que se converte na premisa inicial desde a cal Francisco Coimbra, unha voz moi singular por achegarse á creación en lingua galega desde outras instancias lingüísticas, articula unha novela de carácter coral que non dubido en cualificar como suxestiva, orixinal, redactada cun pulso firme e, quen o dubida, redactada de tal xeito que conta no seu haber cunha inequívoca intepretación simbólica no que atinxe aos dereitos lingüísticos, sen impedir a posibilidade de establecer outros niveis de lectura a carón dunha palmaria filiación saramaguiana pois, como naquel, as utopías e o aparentemente incrible poden converterse en factibles e reais.

A lingua, así pois, convértese nun símbolo de identidade que perseverará na boca dos seus falantes contra a lingua dominante, o inglés, que despois loitará por recuperar espazos que entende usurpados. Ao redor deste asunto tecerase unha rede de afectos e desafectos a través de diversos personaxes e mesmo de procesos de investigación que intentan explicar o que realmente ocorreu e as razóns que levaron a que isto acontecese. Nese proceso será a voz narrativa quen prefira non xulgar e, antes ben, opte por describir coma se se tratase dun relatorio ou, propiamente, dunha crónica que desvela como, desde un determinado día, falar córnico vai considerarse un acto de vandalismo, de insurrección, de terrorismo se se quer, mais onde tamén agromará un espazo para os afectos, para a solidariedade e a comprensión.

    “Falarmos é condición sine quae non para sermos” escríbese neste no libro para que ao final xurdan unhas mans que sosterán “un bosque de palabras” para nacer “unha canción nova”. El sería posible?

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, 0 16 de decembro de 2016.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: