Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O editor de libros

Unha rocambolesca peripecia levoume onte á mañá, acompañando a parte do alumnado do IES Valadares e a algúns colegas docentes- a non poder visionar Sicixia no Multicines Vía Norte de Vigo. As persoas responsables das salas ofrecéronnos a posibilidade de ver outra película e escollemos O editor de libros: un filme que recomendo vivamente xa non só a todos as persoas que desempeñan profesionalmente este labor, entre os que tantos amigos e amigas teño, senón a calquera persoa que escriba ou que teña algo que ver co mundo da creación literaria e da que, didacticamente, tamén se lle pode tirar moito partido.

      Unha opera prima de Michael Grandage que se centra tanto na biografía do escritor norteamericano Thomas Wolfe como na relación profesional e amigable que mantivo co seu editor Maxwell Perkins. Actores e actrices extraordinarias como son Nikole Kindman, Colin Firth, Jude Law e Laura Linney ocupan durante case dúas horas unha historia memorable na que, fóra talvez de períodos sometidos a un ritmo excesivamente lento e de certas presenzas un tanto forzadas e pouco relevantes para o resultado final como son as de Hemingway ou Scott Fiztgerald,  salienta a relevancia outorgada ao que significa a paixón pola creación e a lectura e tamén ao cuestionamento dos límites, se os hai, da función profesional do editor. Iso foi o que máis me interesou nunha película onde as olladas, os silencios e, sobre todo, as palabras, cobran especial relevancia.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 21 Decembro 2016 por en Cine,Divulgación,Literatura , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: