Canta connosco! (ilustracións de Óscar Villán)
Kalandraka, Pontevedra, 2016, 48 páxinas, 22 € (libro cd + karakoke + dvd)
Repara Manuela Rodríguez, pedagoga e editora, no limiar deste libro-cd, que no ano 1996 o sector da música infantil en galego era, daquela, case inexistente. Calquera proxecto neste ámbito era acollido cunhas enormes expectativas pois contribuía, de maneira destacada, a ofrecer música en galego para unha franxa de idade que tamén tiña dereito a educarse así.
De aí a miña alegría e non precisamente por reparar que pasaron vinte anos, que no fondo non son nada, senón pola publicación dunha edición especial, enriquecida e conmemorativa deste Canta connosco! de Migallas, con ilustracións de Óscar Villán, vídeos preparados por José Miguel Sagüillo e coa colaboración de Xosé Manuel Budiño, Suso Vaamonde ou Paco Dicenta.
A mellor proba de que este Canta connosco! ten aínda percorrido advírtese en que as cancións seguen a conservar a súa frescura, que os seus ritmos son tanto ou máis atractivos e que, talvez sexa o máis importante, Migallas continúa a ofrecer o mellor deles mesmos: grazas María Campos, grazas Carlos Yus.