Sofía, de Suso Díaz

Suso Díaz

Sofía

Ediciones Liliputienses, col. Desalmados eruditos, Cáceres, 2016, 44 páxinas.

 

Unha das alegrías do ano literario, para min, chegou por correo postal e foi este libro de poemas, Sofía, o primeiro de Suso Díaz malia que a presenza do autor era coñecida en multitude de libros de autoría colectiva e noutros proxectos diversos entre os que non é menor o libro coordinado con Helena Villar Janeiro titulado 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca ou a permanente difusión poética que desde hai anos realiza na súa páxina persoal sen esquecer, tempo atrás, o labor desenvolto  nun programa radiofónico admirable –La Voz en Espiral– que conducía desde a cidade de Mérida, onde reside.

    Era unha realidade, pois, que en Suso Díaz repousaba unha voz singular á que, se cadra,  lle faltaba o primeiro libro  e este fíxose posible a través das estremeñas e coidadosas Ediciones Liliputienses que, da man do poeta e editor José María Cumbreño, aposta tamén pola poesía en galego, o que cómpre, sen dúbida, subliñar e agradecer.

     Sofía é un poemario senlleiro no que se atopará un recoñecemento á vida singularizado en Sofía, filla de Suso e MariPaz, ao cumprirse o seu vinte aniversario. Sofía lembra Darío a diario de Xela Arias; lembra a Constelación de Ío de Eyré ou a Maternosofía de Imma López Silva. Nel ponse o foco na relación filial mais, é inevitable, percórrense os chanzos dun camiño biográfico parello.

     20 poemas para 20 anos de Sofía ou, se se quer, 20 anos de vida común, filtrados poeticamente e esencializados, para 20 poemas.  Tal e como se sinala nun poema velaquí a “memoria tanxible do vivido desde o primeiro ar” e, en efecto, en Sofía vivimos as orixes, desde aquel “cando o mundo era unha pedra intaita” celsoemiliano ou nas palabras de Díaz entendido como cando “o mundo é unha anécdota / na inmensidade zul / dese océano por acariñar”, pasando por un percorrido vital e xeográfico onde o ámbito familiar e os espazos habitados ou visitados cobran tamén protagonismo -o mar, a lareira, tamén Vigo “o osíxeno da vida”, Mérida, Ludeiros, Aceredo…- onde, por veces, os pequenos acenos, as realidades fisicas -as mans, os pés- son espello acaído das modificacións que, co paso do tempo, se van verificando.

      “Somos o que sentimos” afírmase nun poema deste Sofía: “unha espiral” que se recolle na protagonista. Bo exemplo da sentenza, chea de sabedoría, é todo o que constrúen e espellan estes poemas: un galano para Sofía, tamén para todas as persoas que o lean ou poidan ler. Os meus parabéns.