Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O libro dos medos, de María Canosa

María Canosa

O libro dos medos (ilustracións de Olaya Naveira)

Bolanda, Santiago, 2016, 48 páxinas, 18 €

 

Nun ano en que confluíron, felizmente para autora e para tantas lectoras e lectores, algunha reedición -véxase o caso de Rubicundo– e varios libros novos, tanto no ámbito da literatura infantil e xuvenil como no da narrativa para adultos, o que confirma de seu tanto a versatilidade de María Canosa como o seu intenso traballo na creación literaria, cómpre non deixar pasar desapercibido este O libro dos medos que adopta a fórmula de álbum ilustrado en gran formato, editado con mimo por Bolanda.

   O libro, que recibiu unha mención no VII premio Arume de poesía para nenos no ano 2013, dialoga nalgún sentido coa súa máis recente novela –Cando cae a luz– e concíbese, por tanto, desde as instancias de contribuír, e nun xénero nada doado como é o da poesía para o público infantil, a espantar ou esconxurar os temores -mesmo algún de raizames moi profundas-  acudindo a un recurso acaído como é o proceso de revisalos con outra perspectiva, isto é, desposuílos da súa trascendencia co obxectivo depositado na súa superación, en tantas ocasións mercé ao factor lúdico e, nalgunha medida, revestido dun  humorismo transgresor.

    Velaí como a noite, a treboada ou os ruídos; animais como cans, gatos, ratos, lobos ou arañas; médicos, pallasos,  pantasmas, o home do saco, bruxas, monstros ou o propio medo abórdanse, desde unha lectura case desacralizadora para deitar, sempre, pingas de optimismo.

    Cómpre non esquecer, ao tempo, a homenaxe que Canosa rende a algunhas das grandes voces da poesía galega infantil presentes neste libro como son Antonio García Teijeiro, Ana María Fernández, Xoán Babarro, Bernardino Graña ou Manuel María. Un libro redondo que procura a afouteza das nosas nenas e nenos e que non me parece un obxectivo menor. Parabéns por idealo a María Canosa e a Olaya Naveira por ilustralo con tanto atractivo.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: