Poesis
Edizer, Compostela, 2016, 236 páxinas.
Sempre afirmo que hai un río subterráneo, entre nós, polo que navegan libros interesantes e iniciativas plausibles, un tanto á marxe dos circuítos comerciais máis habituais. Este blogue comeza a andaina deste ano facendo referencia a un libro que se situaría nese espazo e refírome ao título Poesis, de Elisabeth Oliveira.
O volume, realmente, trátase dunha rara avis entre nós que non debería pasar desapercibido. Un libro-cedé que recompila cento sesenta pezas de poesía e música en galego, portugués, francés e castelán -corenta en cada lingua- creadas pola autora ao longo de máis de dúas décadas. Un libro, así pois, construído con vagar, repousado e extremadamente coidado que, ademais, conta coa colaboración dos cantautores Manoele de Felisa (galego), Gustavo Almeida (portugués), Cédric Lezais (francés) e Luis Quintana (castelán) e para o que, finalmente, ilustrou a capa o ‘Horizonte XXIV’ de Antón Sobral. Extraordinarias compañías para un libro inusual prologado con tino e agarimo por Fina Casalderrey, que sintetiza moi acaidamente o espírito do libro: unha “sorte de SOS na procura de solidariedade, da amizade, do amor a Galicia e do amor, do esquecemento…”.
Esta proposta poética plurilingüe, así pois, aséntase no poder semántico da palabra, ou das palabras, que visitan os territorios íntimos da memoria para compartilos. Un libro que é, paréceme, crónica íntima, se se quer un verdadeiro diario, dunha vida -“quero un arco da vella / polisémico e plurilingüe”- mais tamén supón unha sincera abordaxe á condición humana, ás contradiccións, ao amor e á importancia da sensualidade, á procura da liberdade e ás propias ausencias que comporta o paso do tempo.
Na Ars poetica de Quinto Horacio Flaco recóllese a expresión “Ut pictura poesis”, isto é, “a poesía como a pintura”. Oliveira, boa coñecedora do clasicismo e das artes, procura un camiño no que a poesía, construída coas palabras e emocións de todas as linguas amentadas, sexa só poesía, isto é, espello dunha singular emoción estética que agora se ofrece e, xenerosamente, comparte.