Cuestionario Proust: Francisco Coimbra

Francisco Coimbra

1.– Principal trazo do seu carácter?

– Creo que é a creatividade.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– Gústame que sexan coherentes coas súas propias ideas.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Agardo que sexan compañeiros e cómplices, que amen cousas que eu amo, que odien cousas que eu odio, en fin que teñamos unha visión do mundo semellante.

4.– A súa principal eiva?

Ás veces, son obsesivo.

5.– A súa ocupación favorita?

– Escribir e pintar.

6.– O seu ideal de felicidade?

Un mundo onde non fose necesario gañar…

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– O medo é a maior desgraza da xente pois nos paraliza e anula.

8.– Que lle gustaría ser?

– Estou feliz sendo profesor de lingüística e escribindo cando podo.

9.– En que país desexaría vivir?

Sempre sentín fascinación polo Quebec (malia o frío).

10.– A súa cor favorita?

– A cor azul.

11. – A flor que máis lle gusta?

– Os caraveis vermellos.

12.– O paxaro que prefire?

– A curuxa, porque voa á noite.

13.– A súa devoción na prosa?

José Saramago sempre e en primeiro lugar. Mais debo citar tamén Antonio Tabucchi, Manuel Puig e Stendhal, todos eles nas súas respectivas linguas (non acostumo ler traducións).

14.– E na poesía?

– Catulo e os trobadores occitanos medievais.

15.- Un libro?

– Levantado do Chão.

16.– Un heroe de ficción?

Podería ser Balbino, de Memorias dun neno galego.

17.– Unha heroína?

Furiosa do filme Mad Max: Fury Road.

18.– A súa música favorita?

Como canción diría L’Estaca de Lluis Llach como xénero a Música Popular Brasileira, MPB, que é fantástica.

19.– Na pintura?

– Pablo Picasso, Antoni Tàpies, as miniaturas medievais e a pintura veneciana do século XVI

20.– Un heroe ou heroína na vida real?

– Vou dicir dous personaxes pouco usuais: como heroína, Rosalía de Castro por ter ousado levantar a voz nun mundo xordo ás mulleres e á lingua galega, como heroe Friedrich Diez, fundador da lingüística románica.

21.– O seu nome favorito?

Lourenço que é o nome do meu pai.

22.– Que hábito alleo non soporta?

A heteronormatividade, o machismo, o cuñadismo como agora din.

23.– O que máis odia?

– A ignorancia e a crueldade, son dous fortes alicerces do fascismo.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– En xeral todos aqueles persoeiros que deixaron retratos onde aparecen vestidos de uniforme, ou armadura, e con medallas e cruces no pescozo.

25.– Un feito militar que admire?

– A resistencia das mulleres e dos homes que, no estado español, gritaron NON PASARÁN en 1936.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– O don para a música e os instrumentos musicais.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

– Non gustaría de morrer de ningunha maneira.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Polas mañás o meu estado habitual é o sono e o malhumor; pola noite, síntome eufórico, alegre e concentrado.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

Todos aqueles onde non atopo mala fe.

30.– Un lema na súa vida?

– É un lema de Marx; esixir de cada cal segundo a súa capacidade e a cada un darlle segundo as súas necesidades.