Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Manuel Esteban

Manuel Esteban

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Calmo. Hai que pisar moitos calos para enfadarme.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– Empatía. Ver o mundo a través dos ollos dos demais é vacina asegurada fronte a case todos os males.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Pouca cousa. Tempo, conversa … e as veces nin iso. Aprecio máis o que se recibe sen agardalo.

4.– A súa principal eiva?

– Certa inseguridade. Digamos que cando teño que decidir, así en xeral, todas as opcións semellan boas. Ou que non me gusta deixar atrás ningunha opción.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Ler, sen dúbida. Máis incluso que escribir. Pero entretéñome fácil con case calquera cousa. Este cuestionario, por exemplo, paréceme moi entretido.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Unha sesta de verán abrazado á miña moza. Conversa. Cervexa e brisa. Un bo libro.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Ter que dedicarme a unha soa cousa. Non ter opcións.

8.– Que lle gustaría ser?

– Supoño que teño vocación, como calquera escritor, de vivir moitas vidas. Xa son médico, profesor, escritor, pai… todas elas gústanme bastante. Pero non desboto nada na vida. Digamos que o que me gustaría e ser moitas cousas.

9.– En que país desexaría vivir?

– A resposta pedante: na patria de Rilke: a infancia. A resposta enxebre: nunha Galicia que non sinta vergoña de si mesma. A resposta honesta: en moitos. Cantos máis mellor. Pero como a casiña non hai.

10.– A súa cor favorita?

– Marrón. Pero tamén negro. E azul. O verde escuro tampouco está mal. Remítome ao punto catro.

11.– A flor que máis lle gusta?

– Os estraloques. A da buganvílea. A do cereixo.

12.– O paxaro que prefire?

– O corvo. O carrizo. O polo, se está ben torradiño.

13.– A súa devoción na prosa?

– Hai días de todo. Se falamos de devoción… Cunqueiro, Saramago, Galeano, Maalouf, Eco, Pessoa, Borges…

14.– E na poesía?

– Cabanillas, Ángel González, Whitman ou Benedetti. Pero tamén hai días de Rilke, Pavese, Khayyam, ou Cavafis. Insisto, se falamos de devoción, porque todo o mundo ten tamén un día deses en que agradan unhas pingas de Milton ou de Mallarmé. E non podo deixar pasar esta ocasión sen citar a Manuel Rivas. Eu pertenzo ao seu Pobo da Noite, esa xente estraña que cando nenos gozabamos cunha lanterna e un libro baixo a manta.

15.- Un libro?

O livro do desasosego, de Pessoa. E que conste que elixir un so é moi difícil. Os relatos do piloto Pirx, de Stanislaw Lem, por cambiar completamente de estilo, sería outro bo candidato. Ou As mocidades de Ulises, de Cunqueiro.

16.– Un heroe de ficción?

– Hari Seldon, de Isaac Asimov. Un científico coa capacidade de abstraerse do particular para elevar a ollada sobre o xeral. Un visionario pragmático.

17.– Unha heroína?

– Lisbeth Salander, de Stieg Larsson: intelixente ata o extremo de converter a dor e o sufrimento propios en ferramentas de aprendizaxe.

18.– A súa música favorita?

– Ultimamente Mumford and Sons, ou The Lumminers. Pero o abano e moi amplo: de Ara Malikian a Springsteen.

19.– Na pintura?

– Vermeer, Chagall, Modigliani, Klimt…

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– O meu fillo maior. Boh, que demo, os dous.

21.– O seu nome favorito?

Os nomes os reconstrúe cadaquén. Hai persoas que esfarrapan un bo Manuel e outras que elevan un Agapito á categoría de heroe grego.

22.– Que hábito alleo non soporta?

– A desidia, esa filla bastarda do desinterese.

23.– O que máis odia?

– O egoísmo. E o fígado encebolado

24.– A figura histórica que máis despreza?

– É doado xulgar dende a distancia pero veña, voume xogar o tipo con Hitler. Un clásico. Non engana.

25.– Un feito militar que admire?

– A batalla do Ebro durante a guerra civil. En xeral non admiro moito as xestas militares pero por alí andaban mesturados o meu avó e o ínclito Durruti. O desembarco de Normandía tamén está inevitablemente gravado no imaxinario colectivo como unha xesta épica. Loitas heroicas, como dicía Brodsky, entre o malo e o peor.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– Oído musical. Na miña cabeza todo soa moi ben. O carallo é cando abro a boca ou toco a guitarra. Entón estrágase todo.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Rápido e sen avisar. Xa, se pode ser sen dor, sería perfecto.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Curioso. Ou por darlle un matiz máis creativo e con permiso de Saramago: pesimista construtivo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– O máis común de todos: o medo.

30.– Un lema na súa vida?

– Teño varios, todos moi bos.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 9 Xaneiro 2017 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: