Asistín hoxe, grazas á xenerosidade dos amigos Manuel Bragado e Montse Paz, ao ingreso de Marilar Aleixandre na Real Academia Galega celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. O discurso brillante, ao tempo que intenso e profundo, da profesora, bióloga e escritora creo que emocionou as máis das persoas que ateigabamos aquel espazo. Comezou Marilar aludindo ás voces silenciadas, isto é, “á paisaxe invisíbel que forma parte do país” e rematou, neste mesmo sentido, apelando á memoria dunha redeira, afiliada á CNT e chamada Dolores Blanco, e á experiencia tráxica que viviu relatada pola súa filla. Polo medio Marilar Aleixandre articulou un percorrido vigoroso por aqueles elementos que alentan na súa obra literaria, que latexan nas súas preocupacións como escritora, como persoa, concluíndo con tres aseveracións que esencializan a súa vontade e que, sospeito, han converterse desde agora no lema do seu traballo na Academia: “Termar da memoria, termar dos nomes. Exercer a resistencia”.
Non foi menor a excelencia nin a contención do discurso que pronunciou, como resposta oficial de benvida á institución, a escritora e académica Fina Casalderrey. Nesta ligazón pódense consultar ambos os dous discursos e aquí unha excelente e completa crónica do acontecido desde a páxina da Academia Galega. Parabéns Marilar!