Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Dous novos libros de Xosé Lois García: un dietario e un ensaio sobre a poesía de Díaz Castro

Xosé Lois García

A poesía mística e cívica de Xosé María Díaz Castro

Urco, biblioteca Niké, Compostela, 116 páxinas, 10 €

 

 

A vertixe dos días

Toxosoutos, Noia, 260 páxinas, 19 €

 

 

 

Xosé Lois García, incansable autor de admirable e polifónico currículo, segue percorrendo camiños creativos con intensidade. As súas últimas achegas publicadas no ano 2016 responden ao cultivo de dous xéneros diferentes moi queridos polo autor como son o ensaio  interpretativo de filiación literaria, por un lado, e a crónica ou o memorialismo do cotián, neste caso articulados baixo a forma, ben pouco común entre nós, do dietario.

      Nun tempo de diminución palpábel no ámbito do ensaio e da interpretación literaria cómpre saudar a aparición deste traballo, serio e rigoroso, arredor do que García denomina poesía mística e cívica de Xosé María Díaz Castro, autor que protagonizara o Día das Letras Galegas non hai moito tempo. O libro, prologado con tino por Xosé Antón Miguélez Díaz, non oculta as doses de admiración pola obra de Díaz Castro en quen se procura unha lectura ou eséxese diversa, en moitas ocasións con resultados sorprendentes e sempre alicerzadas con argumentos sólidos. Velaí as relacións, ou influencias, que se detectan con Rosalía de Castro, Teixeira de Pascoaes ou Noriega Varela…, ao tempo que se repara en asuntos que son precisos na análise poética de Nimbos como a saudade, o sentido de trascendencia, a emigración ou o telúrico a través, igualmente, de moitos comentarios a diversos poemas de Díaz Castro.  Para iso, Xosé Lois García asedia Nimbos e afonda nos referentes místicos que encerra ese libro, na idiosincrasia poética que exhibe, nos conceptos de “herdo” e de espazo identitario que nel latexan e nos matices “místicos” e “cívicos” que se lle suxiren na súa lectura, para concluír cun capítulo moi atractivo titulado “os imperativos da luz en Nimbos”. O ensaio marcado polo seu carácter aberto e de doada lectura volve os ollos a un dos nosos poetas fundamentais e sitúao, de novo e con rigor, nun primeiro plano da atención crítica.

    Por outro lado, A vertixe dos días, prologado con acerto por Paula Vázquez Verao, establece un innegable paralelismo co libro de poemas que o mesmo autor publicou hai algún tempo baixo o título de Kalendas. Naquel caso a disciplina do autor explicaba un libro peculiar no que, no período determinado de tempo, García realizaba un poema cada día. Nesta ocasión, de agosto de 2013 ao mesmo mes do ano seguinte, o autor deita uns breves apuntamentos diarios, agora compilados e editados por Toxosoutos, que percorren un enorme abano de asuntos que se pode entender como caderno de viaxes, un libro de memorias, un espazo para opinar, reflexionar e, como lector, para gozar. Parabéns a Xosé Lois García por estes dous novos libros que convido, vivamente, a coñecer.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: