Na Causa Lueiro, onte, en Pontevedra

Onte participei, xunto con Carmen Carreiro, Xosé Leal e Ana Vicente Rivas na presentación do libro Manuel Lueiro Rey. Camiño aberto no local do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra, entidade que sufragou o proxecto, diante dun numeroso auditorio. O libro fai memoria do conxunto de actividades desenvoltas o ano pasado no seo do ciclo de conferencias e diversos actos dedicados ao autor de Non debían medrar por mor do centenario do seu nacemento. Recóllense nel un bo número das intervencións que alí se celebraron ademais de numeroso material fotográfico e documental que, en moitas ocasións, era totalmente inédito. Como é natural, a publicación tamén incorpora a reprodución das intervencións plásticas que se acolleron na Exposición Lueiro Rey.

     Con el péchase un ciclo mais ao tempo ábrese outro que seguirá teimando pola visibilización e difusión do legado literario de Lueiro Rey. Como onte sinalei todo naceu nunha xuntanza no café Savoy de Pontevedra, da man de Marieta Lueiro, Carmen Carreiro, Ramón Rozas e quen isto escribe hai case dous anos e coido que o balance é alentador e, sen dúbida, estimula a seguir adiante na Causa Lueiro na que aínda hai tanto por facer como tiven a fortuna de comentar onte con Ana Romaní para o Diario Cultural da Radio Galega.  Grazas, por último, a todas as institucións e persoas que fixeron posible a publicación desta elegante e fermosa edición.