As pescadoras, de Nadia Menotti

As pescadoras

Nadia Menotti

Kalandraka, Pontevedra, 2017,  36 páxinas, 13 €

 

 

Moi recomendable este As pescadoras da ilustradora e autora arxentina Nadia Menotti, que edita Kalandraka e que foi mención do xurado do VII Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado.

   Nel recréase un conto tradicional hindú, con adaptación textual a cargo de Xosé Ballesteros, da man dunha suxestiva proposta visual que, sempre atenta aos pequenos detalles, recrea espazos, atmosferas e personaxes con obxectos de madeira, aramios ou anacos de tea que lle outorgan unha indiscutible viveza e orixinalidade, co valor engadido de potenciar a imaxinación de quen se achegue a estas páxinas suxerindo diversos niveis de interpretación segundo a idade das persoas que o lean.

      Desde unha moi meditada sinxeleza argumentativa -tres pescadoras procuran un abeiro ao erguerse unha treboada e atopan hospitalidade na casa dunha florista- dáselle forma a unha temática que entendo suxestiva como é o cuestionamento dalgunhas situacións, convencións sociais ou percepcións, en moitas ocasións mediatizadas pola forza do costume ou polos propios hábitos culturais. A idea dos condicionantes que afectan a todos estes elementos e que dalgún xeito perfilan os nosos comportamentos semella converterse na liña de forza dun álbum ilustrado senlleiro, que axuda a formularse preguntas a calquera lector e que, sen dúbida, potencia con acerto o pensamento crítico.