Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Os aforismos do riso futurista, de Francisco Pillado e Xavier Seoane (coords.)

Francisco Pillado e Xavier Seoane (coords.)

Os aforismos do riso futurista

Xerais, Vigo, 2017, 160 páxinas, 12 €

 

Gustei sempre moito destas fórmulas narrativas chamadas aforismos, fosen estes lacónicos ou non, pois sempre posibilitan o desenvolvemento dunha impresión, dunha idea, dun sentimento, dunha opinión ou mesmo dun estado de ánimo, explorando as aristas de moitos saberes e sexan estes resultado da experiencia propia ou allea. Se ademais, como é o caso, conflúen neles elevadas doses de humorismo e de ironía non dubido en cualificar este libro como imprescindible. O título escollido convida a entender estes aforismos de hoxe desde a instancia do humorismo e non sei ben a razón pero martela en min certo tributo implícito a Os evanxeos da risa absoluta de Antón Villar Ponte e mais non podo deixar de evocar outros títulos nesta liña como foron Fragua íntima. Aforismos, libro que Arturo Casas editara en 1991, autor por certo de Futurario 2011 (Aforismos neopoéticos in modo antico), que foi publicado na rede no 2011, ou  Arca cotidiana/Irispaxaros (1984), de Xavier Seoane, onde deu a coñecer unha celmosa colección de aforismos.

     Sexa como for, este proxecto que chega da man de Francisco Pillado e Xavier Seoane xunta un total de corenta e oito voces, de moi desemellantes percorridos creativos, que afortalan e iluminan unha tradición un tanto desatendida entre nós para configurar un libro poliédrico, rico e heteroxéneo que conxuga a posibilidade de afondar en territorios onde se recrea esteticamente unha visión analítica e conclusiva sobre experiencias da orde máis diversa, en moitas ocasións alicerzadas no humorismo ou na ironía, outras na crítica e mesmo na caricaturización.  Quen se achegue ao libro, así, atopará aforismos que actúan como lóstregos na conciencia; outros resultarán felizmente rebeldes e aínda os haberá que deixan un ronsel reflexivo sobre a propia existencia, sen desatender nin a profundidade do pensamento nin a súa expresión estética.

    Seica é este un xénero en alza. Talvez así o sexa e non hai máis que deixarse caer por algunhas contas de twitter que achegan con brillantez sentenzas ou opinións que, no fondo, non deixan de ser variantes contemporáneas do aforismo. Dun ou doutro xeito, pois tamén hai voces que foxen da brevidade para ofreceren reflexións que case beirean outros xéneros, é este para min, un libro atractivo e engaiolante que convida a  apuntar ou subliñar no propio libro aqueles que encerran máis cousas ou aqueloutros que axudan a entendelas desde outra perspectiva. Se cadra nunha sociedade na que o libro estivese máis presente e na que se lle outorgase a este o posto que merece, a primeira edición deste libro estaría, hoxe por hoxe, case esgotada. Parabéns, finalmente, a quen ideou o proxecto e parabéns a todas e cada unha das voces, tantas delas moi apreciadas por min, que conforman este florilexio do aforismo contemporáneo: útil para entender a vida, útil para entendernos a nós mesmos, sen esquecer nunca o riso futurista.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: