O espello do mundo (Xerais) brindoume onte outra oportunidade para seguir dialogando sobre literatura, historia e historias. O lugar foi a sede do Ateneo Santa Cecilia, de Marín, que acolleu un grupo de persoas que simbolizan para min dous valores como son a heroicidade e o amor polos libros ao desafiaren un temporal que pintou nas Rías Baixas un cadro desolador como había tempo non viamos. Moitas grazas pola vosa presenza.
A miña tamén gratitude a Lois González Dopazo por cursarme a invitación para presentar a novela nese espazo e a Paz Castro pola lectura atentísima da novela, pola rigorosa disección que fixo dela, por atopar aspectos que particularmente nin me decatara e por ser unha formidable comunicadora que soubo axilizar un diálogo que resultou, para min, moi interesante.
Non esquezo a presenza de Fernando Miranda, apoiando sempre o libro en galego, nin tampouco tantas amigas e amigos que alí estiveron arroupándonos. Grazas, sempre.